Manuela Mariño: “Estamos nun momento de contención e limpeza no deseño”


S. ÁLVAREZ


Manuela Mariño
Deseñadora gráfica en La Voz de Galicia

O redeseño de La Voz foi un cambio tranquilo, o que buscabamos era un xornal que non perdera identidade

A túa traxectoria profesional está moi ligada a La Voz de Galicia. Como evolucionou o deseño gráfico en prensa nos últimos anos e que tendencias nos esperan? Pois si, levo desde 1990 no xornal. Fun contratada para facer gráficos informativos. Fomos a primeira xeración que os facía cos ordenadores de Apple, e o saber manexalos foi o que me deu acceso a traballar en La Voz de Galicia. Daquela os que formamos parte da sección de Infografía (Xoán G. Carlos Vázquez, A. Manzano, Agrafojo e Ana Remeseiro) vivimos toda a explosión dos gráficos de prensa. Era a época da primeira guerra do golfo, onde as explicacións gráficas ocupaban planas enteiras, incluso portadas. Esa sección da Voz convertiuse en canteira de grandes deseñadores e infografistas que andan polo mundo adiante, como Álvaro Valiño, Chiqui Esteban, Alberto Cairo, Xaquín G. V. e algún máis que me deixarei… Ao mesmo tempo levabamos o deseño editorial e xa desde o comezo deseñei suplementos, libros, logotipos, etc., e mentres traballaba ía aprendendo. Nese momento o deseño estaba comezando a atopar oco nos xornais. Viñeron anos de experimentación, e de ocupar moito espazo no papel, pero penso que estamos nun momento de contención e limpeza.

Internet revolucionou o xornalismo. Nos departamentos de Deseño dos medios o tsunami tecnolóxico causou menor impacto? Claro que afectou, basicamente mellorou o traballo de produción e documentación. A tecnoloxía facilita enormemente a realización de calquera proxecto. Pero, así como no xornalismo hai que sacar a palla para destacar a boa información, no deseño tivemos que desbotar os fogos de artificio da tecnoloxía para deixar que as ideas non se viran influenciadas polo sistema de produción.

A pandemia supuxo a irrupción do teletraballo nas redaccións. Como influíu no teu labor creativo? Pois eu diría que non influíu. No meu tipo de traballo o confinamento permitiume maior concentración. Non é o mesmo crear en soidade que no medio dunha redacción rodeada de xente. Tes máis acougo para pensar e reflexionar. Aínda así, botei moito de menos o contacto coas persoas que traballan ao meu carón.

Redeseñar un xornal como La Voz de Galicia… Dá vertixe? Un pouco si. Eu tiña deseñado en distintas ocasións a primeira páxina do xornal, ou de algunha sección como a do tempo ou a da televisión, pero nunca o proxecto do xornal enteiro. Foi un momento con moitos cambios: a rotativa, o sistema editorial, o formato, a maneira de traballar na redacción… todo era algo novo. Ademais, ao rematar o redeseño editamos un pequeno manual para os redactores, un maqueteiro e unha revista de presentación para o xornal. Foi moi intenso e moi duro. Para min foi un momento de cambio. Nese momento levaba 20 anos facendo gráficos informativos e estaba un pouco cansa. Agora levo sobre todo o deseño editorial. E non hai nada que máis me guste que ter novos retos que me obriguen a aprender.

Coa nova maquetación chegou a cor a todas as páxinas e cambios na cabeceira. Que foi o máis complicado do redeseño? É difícil actualizar sen sacrificar parte da identidade do medio? A nova rotativa permitía por primeira vez levar cor a todas as páxinas. En La Voz de Galicia preferimos un redeseño contido, reservar a cor unicamente para as fotos. Por iso o reto do redeseño foi desbotar elementos superfluos para facer un xornal clásico, pero cun aspecto moderno e actual. Para isto encargamos ao deseñador Dino dos Santos unha tipografía, a medida e en exclusiva, para os titulares. Chámase Voz, é unha romana con tres pesos, pero incluso a bold é pouco grosa. Para deportes usamos unha exipcia do mesmo deseñador e no corpo de texto seguimos utilizando a que xa tíñamos, unha Poynter que é unha fonte moi lexible. Eu bauticei o redeseño como ‘Cambio tranquilo’ xa que o que buscabamos era un xornal que non perdera identidade e que o lector o recoñecera como o seu. E así foi. O certo é que o redeseño xa ten 10 anos –con pequenas modificacións– e aínda mantén o tipo. Tamén redeseñei o cabeceiro sendo consciente de que os cambios debían ser moi sutís. Coñezo bastante ben o que se pode e non se pode mudar. Ao final conseguín facer bastantes retoques no logotipo para sintetizalo gardando a esencia da gótica decimonónica.

Es un referente do deseño en Galicia, con varios premios da SND (Society for News Design), os dous Laus (polas coleccións de Valle-Inclán e de Historia). Impón? Os premios sempre son benvidos pero hai por aí cousas moi boas que nunca recibiron un premio. Non sinto presión, sempre intento facer o mellor traballo co tempo que dispoño e só ás veces danse oportunidades de ser galardonada. E a case a toda a xente que se dedica ao deseño pásalle o mesmo.

“As seccións de deseño en case todos os xornais quedaron moi minguadas pola crise e o encarecemento do papel”

No xornalismo impreso moderno o deseño ten o lugar que se merece? Pode ser. Aínda que as seccións de deseño en case todos os xornais quedaron moi minguadas despois da crise e o encarecemento do papel. Mesmo a infografía ten un espazo máis acoutado. A maior parte do noso xornal está maquetado polos redactores a partir de maquetas prediseñadas. Pero tamén asistido pola sección de maquetación para casos especiais.

Que medios de comunicación son líderes en deseño? Pois case sempre os máis grandes son os que teñen máis medios e mellor deseño. En xeral hai moi bos profesionais. A min gústanme o deseño de xornais de Países Baixos, Bélxica ou Alemaña, que adoitan traballar moi ben a tipografía e son moi clásicos. Ou outros estilos como The Guardian, do deseñador Mark Porter, que tamén deseñou o Público de Portugal, e pon bastante cor nos seus proxectos.

Como valoras o papel do Cluster da Comunicación de Galicia e dos Premios Paraugas? Pois quere decir que algo se move, que recuperamos autoestima e que tomamos conciencia de que o deseño galego está a moi bo nivel. É moi bo que os deseñadores teñamos ocasións para reunirnos, valorar e celebrar o noso traballo.

Artículo anterior
Foro da Comunicación de Galicia

Ourense transfórmase este venres na capital da comunicación

Siguiente artículo

A Xunta presenta o programa DIFERENZA na Porto Design Biennale