Kit Dixital, unha iniciativa a prol da implantación de solucións dixitais no mercado

Kit Dixital

Unha xornada informativa sobre este programa desenvolverase este xoves 13 de xaneiro


FELIPE VIEIRA


Nas últimas semanas vén de anunciarse o programa Kit Dixital, unha iniciativa do Goberno de España, que ten como obxectivo subvencionar a implantación de solucións dixitais básicas dispoñibles no mercado para conseguir un avance significativo no nivel de dixitalización das pemes en España. 

O Programa Kit Dixital ten un orzamento de 3.000 millóns de euros e como obxectivo chegar a dar apoio a un millón de pemes de menos de 50 empregados a través de diversas fases nos vindeiros anos, utilizando un mecanismo de bonos de dixitalización.

Estes bonos poderán utilizarse en servizos relacionados con aspectos como desenvolvemento de sitios web, comercio electrónico, xestión de redes sociais, xestión cliente/provedor, intelixencia empresarial e analítica, servizos e ferramentas de oficinas virtuais, xestión de procesos, factura electrónica, comunicacións seguras e ciberseguridade online, entre outros.

Coñecer o programa

Para divulgar a potencialidade desta iniciativa desenvolverase este xoves 13 de xaneiro, unha iniciativa denominada “Coñece en detalle o programa Kit Dixital”.

Kit Dixital favorecerá a dixitalización das pemes en España

Desde o Cluster da Comunicación de Galicia sumámonos á convocatoria desta xornada práctica de presentación do programa Kit Dixital, que organizan os nosos compañeiros do Clúster TIC de Galicia. Será este xoves, a partir das 10.00 horas, no Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura (formato presencial e tamén online).

A xornada contará coa presencia de Carlos Tabernero, director do Sector Público en NTT Data, entidade encargada de difundir a información relativa a este programa.

A quen se dirixe

Especificamente, a xornada diríxese a provedores de solucións dixitais, é dicir, empresas que poidan estar interesadas en ofertar solucións dixitais a outras firmas. Tamén se dirixe a pemes ou autónomos de calquera sector, con menos de 50 traballadores, que teñan interese en iniciar, continuar ou reforzar o seu proceso de transformación dixital.

Haberá unha primeira parte da xornada orientada cara as pemes de calquera sector económico que teñan interese en coñecer o tipo de apoio que ofrece o Kit Dixital nas súas diferentes áreas de actuación, requisitos e bonos de dixitalización.

A segunda parte está orientada aos provedores de solucións. Ao longo da xornada tratarase o papel dos axentes dixitalizadores no programa, os modos de participación, o actual marketplace e todo o necesario para que os axentes TIC e outros provedores poidan coñecer de primeira man a súa posible implicación no programa.

A iniciativa pretende dar apoio a un millón de pequenas e medianas empresas

Finalmente, desenvolverase unha terceira parte da xornada centrada nos axentes e superaxentes dixitalizadores. Búscase que estes “superaxentes” teñan unha alta capilaridade do tecido e sexan capaces de atraer moitos beneficiarios do programa.

Unha xornada práctica

Preténdese que a xornada sexa eminentemente práctica, centrada en resolver todo tipo de cuestións que xurdan ao redor da execución deste programa que terá unha duración longa no tempo e mobilizará unha cantidade de fondos importantes para dixitalización.

A xornada poderá seguirse presencialmente (prazas limitadas) e online coa súa emisión en streaming. Todas as entidades interesadas poden reservar xa a súa praza a través do seguinte formulario.

Artículo anterior
Medios gráficos

La pandemia acelera la caída de los medios gráficos

Siguiente artículo
Paradores campaña invierno

Esta es la nueva imagen de Paradores para este invierno