
A Bienal reuniu ao longo da súa historia 23.300 carteis de creadores de 107 países
REDACCIÓN
O Clúster da Comunicación de Galicia concederá o Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade 2026 a José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda – Concurso Francisco Mantecón, polo seu compromiso coa promoción, o recoñecemento e a posta en valor da creatividade e do deseño. A distinción, acordada pola Xunta Directiva do Clúster, entregarase o próximo 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, no marco da gala dos XI Premios Paraugas.
O recoñecemento coincide co 25 aniversario da Bienal, unha iniciativa que Fonseca puxo en marcha en 2001 para homenaxear o artista Francisco Mantecón e reivindicar a vixencia do cartelismo como expresión artística. Desde entón, o certame reuniu 23.300 carteis de creadores de 107 países, contribuíndo á difusión da cultura visual e á proxección internacional do deseño desde Galicia.
Coa concesión deste premio, o Clúster destaca a visión de impulsar e manter no tempo un proxecto que dá visibilidade tanto a talentos emerxentes como a profesionais consolidados e achega a creación gráfica contemporánea á sociedade. A Bienal representa, ademais, un exemplo do valor da colaboración entre a empresa e a creatividade, así como da contribución do deseño ao desenvolvemento económico e social.
Unha homenaxe que conecta empresa e creación
Economista de formación, José María Fonseca participou en 1989 na fundación das sociedades que deron orixe a Bodegas Terras Gauda. Entre os socios fundadores figuraba o seu amigo Francisco Mantecón, pintor do Grupo Atlántica e autor da identidade corporativa da adega e da etiqueta do viño Terras Gauda. Esa relación entre proxecto empresarial e creación artística está na orixe do concurso que hoxe leva o nome do artista.
O Clúster distingue o seu compromiso coa promoción do deseño e da creatividade no 25 aniversario do certame
Na consolidación da Bienal foi clave a participación de destacados profesionais do deseño no xurado, presidido desde os seus inicios por José María Fonseca Moretón. Ao longo das sucesivas edicións, formaron parte del Javier Mariscal, Alberto Corazón, Óscar Mariné, Manuel Estrada, Isidro Ferrer, Roberto Turégano, José María Cruz Novillo, Pepe Gimeno, Javier Jaén, Pati Núñez, Emilio Gil e Pep Carrió, entre outros referentes da creación gráfica.
A eles sumáronse responsables de arte e deseño de medios como El País Semanal, El Mundo, ABC, ¡Hola!, Experimenta, TVE ou Elle, así como artistas galegos como Antón Lamazares, Xurxo Lobato, Manuel Buciños, Fernando Quesada, Siro López e Virxilio Fernández. A combinación de perfís contribuíu a reforzar a proxección do certame.

O palmarés reflicte tamén esa dimensión internacional, con primeiros premios para Takahiro Shima, catedrático de Arte e Deseño da Universidade de Osaka, no Xapón; Hung-Chang Lin, profesor de Deseño de Comunicación Visual en Taipei; ou Taber Calderón, deseñador gráfico de Nova York. Entre os gañadores figuran tamén Sebastian Busching (Alemaña), Thomas Pion (Bélxica), o estudo Unt/Tammik e Tanel Lind (Estonia), Miguel Palmeiro (Portugal), Barbara Pilarska, Angelika Jaglinska e Dominik Jakubowski (Polonia), así como Cristina Vergara e Ángel González (España).
A vinculación co ámbito académico esténdese a universidades de distintos continentes, nas que as obras presentadas á Bienal poden formar parte de traballos de fin de grao. Pola súa banda, as exposicións organizadas coa colaboración da Autoridade Portuaria de Vigo permiten achegar a creación gráfica contemporánea ao público. A mostra de 2026 recibiu 3.800 visitas.
O galardón entregarase o 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, durante a gala dos XI Premios Paraugas
A Bienal colabora tamén con Turismo de Galicia na promoción da campaña Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia. A iniciativa conecta o deseño gráfico coa cultura vitivinícola e coa difusión dos valores patrimoniais e turísticos galegos, ao permitir que os finalistas e premiados do certame opten a deseñar a imaxe promocional da campaña.
Un recoñecemento especial do sector
O Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade é unha distinción especial outorgada pola Xunta Directiva do Clúster da Comunicación de Galicia a persoas, entidades ou iniciativas que merecen un recoñecemento singular pola súa traxectoria e contribución ao sector.
A súa entrega formará parte da XI edición dos Premios Paraugas, que recoñecen a excelencia, o talento e a innovación nas diferentes disciplinas da comunicación, a publicidade, o márketing e a creatividade. A gala celebrarase o 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol.