José Manuel Rey Varela: “Esperamos albergar estes prestixiosos galardóns moitos anos”

José Manuel Rey Varela alcalde de Ferrol
Foto: Mero Barral

José Manuel Rey Varela
Alcalde de Ferrol

“Temos moito que amosar ó mundo”


MARÍA EIMIL


“En Ferrol apostamos polo talento, pola creatividade, polas iniciativas que impulsan o tecido empresarial galego”. Son as palabras do alcalde da cidade que acolleu a gala dos Premios Paraugas. José Manuel Rey Varela subliña que o evento convertiu a Ferrol “na capital galega da comunicación”. Ademais de exercer de anfitrión destes premios, o Concello de Ferrol foi un dos patrocinadores principais do evento.

Tras sete edicións en Ourense, a gala dos Premios Paraugas celebrouse por primeira vez en Ferrol. Como valoras que a cidade fora anfitrioa deste importante evento para os profesionais da comunicación e o deseño? Somos unha cidade con moito potencial e moito que ofrecer e, sabedores disto, os equipos organizadores de diversas xornadas, congresos ou eventos están a escoller Ferrol para desenvolver as súas actividades. Por iso, non podo máis que agradecer á organización dos Premios Paraugas o ter escollido a nosa cidade como anfitrioa do certame. Esperamos ter cumprido coas expectativas e poder albergar estes prestixiosos galardóns moitos anos.

Ferrol é un dos principais emprazamentos da serie Rapa, unha rodaxe que a sitúa no mapa a nivel internacional. É a celebración dos Premios Paraugas outra mostra da aposta que está realizar o Concello por dar máis visibilidade á cidade? Como alcalde e desde a Administración pública á que represento, traballamos sen descanso por devolver a Ferrol ao lugar que merece en todos os sectores: o económico e empresarial, o deportivo ou o cultural. Ferrol ten moito encanto e ten moito por descubrir. Todos aqueles que o comproban, repiten. Rapa é un bo exemplo.

Como anfitrión desta festa do sector da comunicación e o deseño, como valoras a gala? Os premios supoñen un evento de primeirísimo nivel no ámbito da comunicación. O feito de que se celebrase por primeira vez na nosa cidade supón un orgullo, xa que nos converteu na capital galega da comunicación. Para nós foi un pracer recibir a todos estes profesionais.

“Quen coñece Ferrol, quere volver”

Cales son os principais atractivos de Ferrol á hora de atraer eventos deste tipo? En Ferrol apostamos polo talento, pola creatividade, polas iniciativas que impulsan o tecido empresarial galego. E en Ferrol temos moito que amosar ao mundo: As nosas praias, o noso rural, os museos e a ruta da construción naval, o patrimonio histórico e cultural e o patrimonio natural. Quen coñece Ferrol, quere volver.

Ademais da aposta polo audiovisual, hai algún outro proxecto que estea en marcha de cara a promocionar a cidade a nivel nacional ou internacional? Ferrol está sempre presente nas citas sectoriais de promoción turística. Temos cultura; temos deporte; temos industria; temos un campus pioneiro en moitos ámbitos e un patrimonio excepcional. Á hora de traspasar fronteiras, ten un peso significativo a nosa Semana Santa, declarada de Interés Turístico Internacional, ou a singular festa das Pepitas, para a que traballamos na consecución da distinción de Interés Turístico Nacional. Somos unha cidade de tradicións e moi orgullosa do noso pasado.

Artículo anterior

140 profesionais e empresas referentes do deseño galego brillan na Porto Design Biennale

Siguiente artículo
Rúbrica especial Premios Paraugas

Rúbrica despide el año con un brindis por el sector