José Carlos Santos: “O libro en papel ten vida e esencia propia”

José Carlos Santos
Director de produción de Bolanda Ediciones

“Cada vez nacen máis editoras independentes, cun estilo moi definido; esa é a clave do éxito: ser distintos e seleccionar moi ben o que se edita”


MARCOS NEBREDA


En Bolanda Ediciones cren que o papel segue a ter moitas vidas por diante e que diferenciarse a través do deseño é a clave para o futuro. Así nolo conta o seu director de producción que tamén foi xurado nos VI Premios Paraugas.

Que futuro lle espera ás publicaciones en papel agora que á crise do propio formato se suma á desatada pola pandemia? É verdade que as publicacións en papel levan moitos anos en crise, e que ademais agora, nestes tempos, temos que engadir os sobrecustos e a suba de prezos de papel, cartón… ademais da falta de subministración… e tamén é certo que haberá que ver como evoluciona a situación actual, xa que de seguir así, sería insostible: nós mesmos, por exemplo, tiñamos previstos lanzamentos para estas semanas que nos vimos obrigados a pospoñer. De xeito puntual, podemos asumilo, pero é certo que o mercado está a sufrir moito. A pesar de todo isto, sigo crendo nas publicacións en papel. Hai produtos que xa é difícil imaxinalos en papel, como os anuarios, memorias corporativas etc. que hai anos eran unha constante no noso traballo, pero hai outros nos que nós traballamos, como o libro infantil ou álbum ilustrado, por poñer só un exemplo, que é difícil imaxinalos doutro xeito que non sexa papel. Poderá haber outro tipo de produtos que complementen, como contidos multimedia, apps… pero o libro en papel ten vida e esencia propia.

Que debe facer unha editorial para que as súas publicacións se diferencien no mercado? Sobre todo, ter identidade propia, un catálogo diferente e crer nos seus libros, autores, ilustradores… Cada vez nacen máis editoras independentes, cunha identidade moi propia e un estilo moi definido… penso que esa é a clave e o éxito: ser distintos e seleccionar moi ben o que se edita.

Que importancia ten o deseño para otorgar valor engadido a unha publicación? Para nós é moi importante porque vimos dese mundo. É certo que hai produtos editorais nos que tes menos marxe para xogar co deseño. Por exemplo, non é o mesmo unha novela impresa a unha tinta que un libro xoia ou un libro ilustrado. Pero aínda así, o deseño sempre está presente… Quen non abriu un libro porque lle chama a atención o seu deseño, polo seu papel ou pola súa capa? Nós temos a teoría de que, se podemos, ata o código de barras ten que levar un bo deseño… E sempre entendemos o ‘deseño’ como un conxunto. Así, nun libro e no seu proceso de creación conta o papel, os acabados, a encadernación… todo conta e todo suma. E todo hai que coidalo.

De que traballos se sinte especialmente orgulloso José Carlos Santos? Pois podería dicir varios, algúns deles premiados e recoñecidos. Pero estou moi orgulloso e contento con traballos moitas veces máis sinxelos que se fixeron con moito esforzo, con pouco tempo e coa implicación de todo o equipo que forma Bolanda. Ás veces, eses traballos que non locen tanto, que pasan desapercibidos, son para min un orgullo e un exemplo de superación e de chegar a bo porto.

Que supón formar parte do xurado dos VI Premios Paraugas? Pois é un orgullo, unha delicia compartir xornada con outros profesionais do sector e reencontrarse con amizades e con vellos coñecidos. Sérveme para estar ao día, ver o que se fai e, sobre todo, comprobar a alta cualidade que hai nos traballos que se presentan. Estarei e participarei sempre que conten conmigo. É, sen dúbida, unha satisfacción para min.

Artículo anterior
Premios Paraugas

El homenaje póstumo a Lis de Soto pone la nota emotiva en la gala

Siguiente artículo

Andrés Virto: “La emoción y el impacto en los eventos son insustituibles”