Iván Fernández: “Galicia Calidade aporta diferenciación e garantía de cara ao consumidor”


MARCOS NEBREDA


Iván Fernández
Director de comunicación e márketing de Galicia Calidade

“Galicia Calidade xunto co Xacobeo foron dúas das marcas máis importantes que se crearon en España nos últimos 30 anos”

A marca Galicia Calidade ten unha forte presencia e identificación dentro e fóra da nosa comunidade. Cales son as claves deste éxito? Creo que Galicia Calidade, xunto co Xacobeo, foron dúas das marcas máis importantes que se crearon en España nos últimos 30 anos. Centrándome en Galicia Calidade, conseguiu situarse no ideario colectivo a nivel estatal, pois cando a xente se refire a algo bo e con orixe galega cita “Galicia Calidade”, co e final. Temos exemplos en portadas de xornais deportivos, revistas, redes sociais… Ademais, como marca de garantía logramos naquel momento con dúas palabras expresar 100% o noso ADN.

O proxecto Aula Gastronómica logrou conectar aos referentes da gastronomía galega cos futuros referentes. Como xurdiu e como está a evolucionar este proxecto? Dende Galicia Calidade sempre quixemos achegar os nosos produtos aos profesionais da hostalaría. Son moitas accións as que levamos feito coas cociñeiras e cociñeiros de Galicia para ensinar todo o amplo abano de marcas que representamos. Pero tamén queriamos ir un paso máis alá e chegar aos futuros profesionais. A esas alumnas e alumnos que se están a formar e que nun futuro rexentarán, dirixirán ou traballarán en establecementos onde os produtos certificados estarán presentes. É un proxecto do que nos sentimos satisfeitos e que terá continuidade no futuro.

Que supón obter o selo Galicia Calidade, e que sectores se están a sumar a este selo? Aínda que falo dende a propia Galicia Calidade e non dende a empresa que certifica os seus produtos e servizos creo que o que lles podemos aportar é diferenciación e garantía, de cara ao consumidor. Como sabemos, hoxe o márketing vai dirixido ao consumidor, non tanto ao produto en si, e as empresas saben que apoiarse no noso selo lles vai a permitir vender máis, ou polo menos vender mellor. E niso é no que baseamos o noso traballo diario, en axudar a esas empresas no seu camiño diario.

“Na actualidade estamos a promocionar a marca en todos os eventos que podemos e facendo unha aposta clara tamén polo márketing dixital e polas redes sociais”

A pandemia cambiou os plans do turismo galego en xeral e do Xacobeo en particular. Como afrontastes este cambio de plans? Aínda que certificamos establecementos turísticos (hoteis, casas rurais, restaurantes e clubs náuticos), as políticas de turismo xestiónanse dende a Axencia Galega de Turismo. Nós estamos a colaborar en moitas accións co Xacobeo e tentando que cada persoa que chega a Galicia, facendo o Camiño, marche sabendo o que é Galicia Calidade e que produtos e servizos certificamos.

Que poderemos ver en Galicia Calidade no curso que vén. Podes adiantarnos algunha novidade? Como sabedes estamos agora nun proceso de cambio de dirección, tras a marcha de Alfonso Cabaleiro. Na actualidade estamos a promocionar a marca en todos os eventos que podemos e facendo unha aposta clara tamén polo márketing dixital e polas redes sociais. De cara a 2022, o Xacobeo e o ano santo marcarán tamén moitas das nosas accións de promoción, tentando sempre facer cousas fóra de Galicia para axudar, como dicía, ás empresas na súa labor de comercialización.

Como valorades a existencia e a labor do Clúster da Comunicación de Galicia? Galicia Calidade apoiou o nacemento do Clúster da Comunicación e outras asociacións vencelladas como Markea, Dircom ou Creatividade Galega, entre outras. Cremos que somos unha marca que ten dúas patas moi asentadas como son a comunicación e o márketing e alegrámonos moito de que as empresas e os profesionais deste ámbitos se aglutinen profesionalmente e realicen actividades tan importantes como os Premios Paraugas, Flúor, Connect Day… nos que sempre tentamos colaborar e poñer en valor Galicia Calidade.

Artículo anterior
Fluor21

El congreso #FLUOR21 cierra este miércoles la venta de entradas

Siguiente artículo

FLÚOR converte a Pontevedra na capital do márketing dixital