
A axencia Reclam asina a nova acción de comunicación que busca dar visibilidade ás familias de acollida
REDACCIÓN
Acompañar, estar aí cando máis se necesita e ser fogar. Eses foron os conceptos base que marcaron as raíces da nova campaña asinada pola axencia Reclam para ‘En Familia’. Este programa ofrece acollida temporal a nenos, nenas e adolescentes que precisan unha contorna segura na que poder medrar con calma, agarimo e estabilidade.
Con ese obxectivo precisamente naceu o concepto creativo desta campaña, que busca atopar novas familias dispostas a abrir os seus fogares ao acollemento. Esta acción, inicialmente pensada para canles on e off, ten un foco claro: amosar de maneira moi visual eses espazos cotiáns que reflicten o fogar, e que evocan á seguridade e tranquilidade de dispoñer dun lugar no que poder estar e ser.
O concepto creativo desta campaña, que busca atopar novas familias dispostas a abrir os seus fogares ao acollemento
A mesa do almorzo, un cuarto propio, unha tarde de xogos ou, o que é o mesmo, momentos que respiran o que significa realmente estar en familia e ser fogar. A axencia parte dunha idea aparentemente sinxela, pero fonda: o importante é estar. Porque hai moitas formas de ser familia e todas levan ao mesmo lugar: acompañar, estar aí cando máis se necesita, ser un espazo seguro.
A axencia parte dunha idea aparentemente sinxela, pero fonda: o importante é estar
Así pois, nesta nova campaña destacan as escenas da vida cotiá, que reflicten o dereito fundamental de vivir en familia e de ter satisfeitas as necesidades básicas. Unha estrutura axeitada e un lugar seguro no que recibir recoñecemento e afecto, onde ser simplemente nenos e nenas e reparar o seu dano.

En Familia, máis que un programa
En Familia é un programa de acollemento familiar para nenos, nenas e adolescentes que viven en centros de protección e non dispoñen de alternativas familiares. O seu obxectivo é “contribuír a mellorar a calidade de vida destas nenas, nenos e adolescentes integrándoos nunha familia estable e protectora”. O programa asenta os seus cimentos sobre un principio: “Vivir en familia é un dereito fundamental”, apostando polo acollemento que cambia vidas e está aberto á participación de calquera familia que queira formar parte deste proxecto.