Isaac González: “O mellor proxecto está por vir”

Isaac ReiZentolo

Isaac González
Director de Márketing de Reizentolo e director creativo de Recados Carmen

“A camiseta de Rosalía é a miña favorita”


MARÍA EIMIL


A popular marca Reizentolo cumpre 20 anos de vida neste 2023, un ano cheo de celebracións “grandes e pequenas” para esta compañía na que a retranca e a cultura galega son os principais distintivos. O director de Márketing, Isaac González, tira de humor para contarnos os segredos deste tempo de éxito e os pasos que está a dar en Recados Carmen, unha axencia de recente creación cunha novidosa filosofía de traballo da que, ademais de cofundador, é director creativo.

Reizentolo naceu en 2003, cal é o segredo para cumprir 20 anos de éxitos? Non podemos dicir que tiveramos éxito seguido durante os 20 anos, mais a verdade é que si estamos por riba da media do 80/20, o cal é mérito dos nosos deseñadores. Medalla para eles. Doutra banda, os únicos segredos para seguir vivos son: ter máis ingresos que gastos e nos momentos nos que tes máis gastos que ingresos, aguantar e non pechar (risas). Agora chámase resiliencia, pero de toda a vida foi ‘ir tirando’. Isto personifícase en Pablo Zentolo, quen o coñeza comprenderao.

Haberá celebración especial? Por suposto, temos preparado un ano enteiro de celebracións grandes e pequenas. Aínda non podemos desvelar moito, pero andade atentos… (en Cans xa seguro que hai festa).

Que proxecto destacarías ao longo deste tempo? Por que? O que vou dicir é moi de ‘flipado de LinkedIn’, pero é verdade: o mellor proxecto está por vir… Durante estes 20 anos Reizentolo fixo case de todo, pero cremos que agora estamos a desenvolver o noso mellor traballo. Estamos especialmente ilusionados co libro que sacamos con Galaxia como celebración dos 20 anos, porque o tomamos case como un premio, como algo que nos reafirma como parte da cultura de Galicia neste tempo.

Cal foi a camiseta que tivo máis éxito? E se tiveras que escoller unha, cal sería? Posiblemente a máis icónica é Rosalía, que chegou a substituír no imaxinario popular a Rosalía de Castro en branco e negro pola nosa imaxe, chea de cor. Iso é un grandísimo éxito. É a miña favorita persoal, malia que non sexa a máis vendida. 

Tampouco hai que deixar de lado a faceta solidaria de Reizentolo. Hai tres anos puxéchedes en marcha unha colaboración para dar visibilidade á enfermidade DENT, unha doenza minoritaria. Que accións se desenvolveron para este proxecto? Hai algunha en marcha nestes momentos? Neste proxecto nós somos colaboradores, ARTforDENT púxose en marcha grazas ao traballo de Hugo Yáñez e a súa familia. Trátase de pinturas realizadas por un neno que padece a enfermidade, que se expoñen e das que facemos produtos de venda para dar visibilidade a esta doenza e recadar fondos para a investigación, que se fai tamén aquí, en Galicia, xa que a Universidade de Santiago ten un dos equipos punteiros neste tema. É realmente un proxecto formidable, con moita calidade e esforzo detrás e un moi bo traballo de comunicación. Para nós, colaborar neste tipo de proxectos e ademais acadar resultados, é moi gratificante. Hai que dicir que non é o único no que colaboramos, agora mesmo está en marcha unha exposición de pinturas en Abanca, un festival solidario en Brión, e unha nova tanda de deseños á venda en reizentolo.es

Reizentolo: aproveitar as oportunidades. O humor como arma de comunicación na xestión de crise’ foi o título dunha sesión que impartiches no mes de marzo en Vigo. Como se enfronta un a unha situación así con humor? O certo e que falamos de ‘crise’ como se a alguén lle importase que unha marca que fai bromas en camisetas sexa hackeada… Tivemos a sorte de non ter unha crise real, así que podemos permitirnos xogar e seguir a facer humor con este tema, que tampouco era para tanto.

Ademais de director de Márketing de Reizentolo es o director creativo de Recados Carmen e un dos seus fundadores. Que diferenza a esta axencia doutras? O certo é que depende de cales sexan as outras axencias. Parecémonos en cousas e diferenciámonos noutras, segundo coa que queiramos compararnos… Levamos un ano traballando intensamente en consolidar o sistema de traballo e a metodoloxía que visualizamos cando constituímos Recados Carmen, que favorece que a creatividade e a estratexia cheguen de diferentes formas a todos os puntos de contacto entre marcas e humanos. Estamos moi, pero que moi contentos cos resultados e co grao de eficiencia acadado en tan pouco tempo.

Unha das campañas que estivo en marcha en marzo foi falAI, da empresa tecnolóxica Balidea e a Universidade de Vigo, para poder ensinar galego ás intelixencias artificiais. En que consistiu? FalAI é un proxectazo. Unha desas marabillas que dá gusto comunicar, nas que poñendo as pezas no seu sitio, todo colle velocidade de forma súper chula. Todo o proceso de creatividade e estratexia levárono dende cero Antón Veiga e Eva Díaz. Hai unha parte de spot, contidos, etc., pero persoalmente o que máis me gustou foi o plan de RR. PP. dixital que trazaron. Superou con moito os obxectivos xa dende o comezo. E segue sumando récords.

Como director de Márketing, cres que la IA pode axudar ao profesional do sector ou será un obstáculo máis? Todo axuda. É unha ferramenta máis, como o Excell ou o Photoshop. O que mola é que, como sempre, a creatividade multiplica o que poidas facer con estas ferramentas.

Outro dos vosos proxectos consiste en dar visibilidade ao novo espazo comercial da quinta torre de Madrid, Caleido. Que supón para vosoutros? Outra palabra de ‘flipado de LinkedIn’: sinerxías. Para a campaña de lanzamento colaboramos con Tony Lebrand e Avante, creamos un gran evento con El Terrat, vivimos de cerca o plantexamento artístico comisariado por Urvanity, e levamos meses colaborando con distintos medios, partners e marcas… É un proxecto súper integrador, entenden moi ben o valor que aportan e teñen un equipo de dirección e márketing marabilloso, que nos traslada unha confianza enorme. É un pracer traballar así.

Recentemente Recados Carmen organizou un Secret Show de La Habitación Roja. Como foi a experiencia? Poñeredes en marcha algunha outra acción a curto prazo? Moi chulo. Un exitazo. Unha das nosas patas clave é Elemental Street, que dirixe Jorge Rodal. Dende Street organizamos, entre outras cousas, o Barbeira Season Fest, onde xa estiveran un par de veces, e sabiamos que era moi cómodo traballar con eles e que eran perfectos para chegar ao público que buscamos en Caleido. Repetimos habitualmente o mantra de que o máis bonito que podemos facer é vincular emocionalmente públicos e espazos. Este é foi un exemplo claro. En canto a próximas accións, en Caleido pasan cousas case cada día, moitas veces incluso sen anunciar, pero temos varias cousas moi chulas que coñeceredes en breve.

Artículo anterior

Tirabeque, o orixinal fanzine da axencia Nasas para Gadis

Siguiente artículo

Tais San Vicente: “La calidad del contenido nos diferenciará del resto”