A iniciativa encádrase na axenda de Afterworks Marketing & Comunicación do noso Clúster
REDACCIÓN
ReiZentolo: aproveitar as oportunidades. O humor como arma de comunicación na xestión de crise é o título da nova sesión dos Afterworks Marketing & Comunicación, que se celebrará este xoves 23 de marzo, na sede do Círculo de Empresarios de Galicia. O seu relator será Isaac González, creativo publicitario, parte de Recados Carmen e, ademais, socio e director de Marketing en ReiZentolo.
Nesta charla, organizada en colaboración con Markea, Isaac González contaranos como a empresa á que representa pasou de sufrir un hackeo a abordar o asunto con moito humor e unha gran dose de retranca no programa de Susana Griso, emitido en Antena 3.
20 anos de traxectoria
Isaac González tamén detallará, con motivo do 20 aniversario de ReiZentolo, algúns dos segredos que os levaron a converterse nunha das marcas máis recoñecidas e queridas de Galicia. Tras a sesión, haberá oportunidade de degustar un pequeno aperitivo de cara a promover a xeración de sinerxías entre os asistentes a través do networking.
A ponencia de Isaac González dá continuidade ao ciclo iniciado en febreiro, promovido polo Clúster da Comunicación de Galicia, cuxo primeiro convidado foi Pablo Borrás, CEO de 2beDigital.
A sesión de traballo, que se desenvolverá entre as 19.30 e as 20.30 horas na sinalada data do xoves 23 de marzo, celebrarase presencialmente na sede do Círculo Empresarios de Vigo e a inscrición nela non supón custo algún para os socios do noso Clúster, nin tampouco para os membros de Markea ou para os do propio Círculo de Empresarios da cidade olívica. O resto de asistentes deberán pagar unha cota de oito euros. Se desexas inscribirte neste afterwork podes facelo AQUÍ.