Expourense acollerá de novo a celebración dos Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia, os Premios Paraugas, nunha edición con 20 premios divididos en sete categorías
REDACCIÓN
Debido á coincidencia da data de peche de presentación das candidaturas aos VII Premios Paraugas 2022 (31 de outubro) ca ponte de Todos os Santos, e ante a petición de numerosas empresas, a data límite de presentación dos traballos trasládase a este mércores 2 de novembro ás 20:00 h.
Así, as inscricións e o envío dos traballos realizaranse a través do formulario dispoñible na web: premios.clustercomunicacion.gal. Como en anteriores anos, a participación de empresas socias do Clúster é totalmente gratuíta. A gala de entrega de galardóns desta VII edición dos Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia, os coñecidos Premios Paraugas, terá lugar o próximo 18 de novembro en Expourense.
Estes premios, creados polo Clúster da Comunicación de Galicia no ano 2016, teñen como obxectivo poñer en valor a calidade e o excelente traballo que se fai na nosa terra, coa idea de enxalzar a función da creatividade, do deseño, da edición, da impresión, do márketing, da comunicación e dos eventos de orixe galega, e como medio para conseguir aumentar a competitividade e a capacidade innovadora. Así pois, trátase dunha convocatoria de premios desde o sector e para o sector.
Premios e categorías
O Clúster da Comunicación de Galicia concede os Premios Paraugas en recoñecemento público ás empresas, institucións, organizacións e profesionais galegas que destacan polo seu bo facer no ámbito da creatividade, do deseño, da edición, da impresión, do márketing e da comunicación dos eventos en Galicia, poñendo en valor a efectividade das súas accións e a innovación no uso de materiais, soportes e medios.
Os Premios Paraugas distinguen aquelas pezas e/ou estratexias presentadas que sobresaen pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e pola obtención de resultados tanxibles.
Os traballos deberanse presentar nos formatos e/ou cos elementos complementarios que o participante estime oportuno e que axuden a ilustrar o obxectivo perseguido en cada caso. O xurado considerará o traballo no seu conxunto.
Como novidade na edición deste ano, incorpóranse novos galardóns, dando lugar a sete categorías (Impresión e Edición, Deseño, Creatividade, Márketing Dixital, Márketing, Comunicación e Evento); cun total de 20 premios.
A gala de entrega dos coñecidos Premios Paraugas celebrarase o próximo 18 de novembro en Expourense
No marco da categoría de Impresión e Edición inclúense os galardóns do Premio Paraugas ao Mellor Libro, Premio Paraugas ao Mellor Catálogo Comercial e Premio Paraugas ao Mellor Traballo feito en impresión dixital.
Por outra banda, na categoría de Deseño (Premios GAIN); distínguese o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico e o Premio Paraugas ao Mellor Deseño Industrial ou de Produto. Tamén se outorgará un Premio Paraugas ao Mellor Deseño Dixital. En Creatividade, distinguirase cun Premio Paraugas á Mellor Idea, con outro á Mellor Campaña e con outro á Mellor Producción (Craft).
Os Premios Paraugas recoñecen as boas prácticas realizadas na cadea de valor da comunicación
No eido da categoría do Márketing Dixital (Premios .gal), outorgarase unha distinción á Mellor Campaña de Márketing Dixital 360 e outra á Mellor Campaña de Social Media; completando esta categoría cun Premio Paraugas á Mellor Campaña de Performance Márketing ou Márketing de Resultados para un Produto ou Servizo.
No caso do Márketing (Premios Avante); inclúense o Premio Paraugas á Mello Estratexia/Acción de Branding, o Premio Paraugas á Mellor Estratexia/Acción de Produto ou Servizo e o Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Márketing.
A categoría de Comunicación (Premios Roi Scroll) tamén conta con tres galardóns: o Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Comunicación Externa, outro á Mellor Estratexia de Comunición Interna e o Premio Paraugas á Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial.
A organización de eventos e congresos tamén ten o seu recoñecemento na súa propia categoría de Eventos (Premios TAC!), co Premio Paraugas ao Mellor Congreso e ao Mellor Evento.
A participación nos VII Premios da Comunicación e do Márketing de Galicia comportará o tratamento de datos de carácter persoal dos candidatos aos galardóns (recoñecemento público da súa obra). En particular, a inscrición neste concurso requerirá a identificación do participante (nome, email, teléfono móbil, etc.) a través do formulario de contacto, así como o abono do dereito de inscrición na/s categoría/s elixidas, en cada caso. Máis información nas bases.