‘Importa e moito’: máis aló do 8M

A axencia galega Reclam foi a encargada de elaborar a campaña do Concello de A Coruña


MARÍA EIMIL


Unha reivindicación do feminismo máis aló do 8M, así foi ‘Importa e moito’ a campaña do Concello de A Coruña para conmemorar esta data. Elaborada pola axencia Reclam, “a idea foi expoñer situacións que a miúdo pasan desapercibidas ou que son visibles sobre a muller, pero que a calan dende a infancia e que se incrementan na adolescencia e xuventude”, explica a directora creativa executiva, Lis Torrón.

A campaña que os cidadáns puideron ver nas rúas a través de mupis e marquesiñas ou escoitar na radio, ademais das redes sociais e webs, foi eminentemente tipográfica. O motivo é simple: Reclam quería que o foco o tivera a mensaxe, sen distraccións. “O que tiñamos que contar tiña forza e contundencia e non precisaba ningún recurso visual extra”, sinala Torrón.

Idade, raza, aparencia física ou xénero: as mensaxes

Salientar a importancia do feminismo, das mulleres e da igualdade foi o obxectivo da campaña ‘Importa e moito’, que se artellou arredor de varias mensaxes. “Que non me xulguen polos anos que teño, porque a idade é só un número. Que deixen de tentar tapar as miñas engurras porque son o reflexo da miña historia”, foi unha delas. Máis aló da idade, Reclam tamén fixo referencia a aparencia física, ao feito de ser muller e mesmo a raza para chamar a atención dos cidadáns coruñeses.

Unha campaña que triunfa na rúa

Dende esta axencia galega explican que sempre elaboran o 8M “con moito agarimo”, xa que ten moi boa acollida na rúa e a xente vive cada ano máis intensamente esta data. “Para nós, que ademais somos un equipo creativo con maioría de mulleres, é unha honra poder traballar nunha campaña tan bonita e reivindicativa”.

Aínda non hai datos sobre o impacto que tivo a campaña, pero a axencia Reclam foi tamén a encargada de pór en marcha a de 2021, que “gustou moitísimo”, explica Torrón. “A xente pediu a cartelería e incluso as gráficas dos mupis e o merchandising, que se esgotou en cuestión de horas”.

Artículo anterior
FC Barcelona

El diseño tras las camisetas de fútbol: FC Barcelona

Siguiente artículo
viño

A innovación no viño, próximo Afterwork at Home do Clúster da Comunicación