Imaxe asina o restyling de Estrella Galicia

A marca mantén a súa esencia craft pero actualiza a súa identidade gráfica

Trátase dunha nova imaxe que mantén o recoñecemento de marca pero que dá un salto para actualizar o seu deseño e facelo máis contemporáneo. A axencia coruñesa Imaxe, que traballa coa marca de cervexa dende hai máis de 30 anos, coñece mellor que ninguén que as marcas nunca deben deixar de evolucionar e que a imaxe de Estrella Galicia é un dos seus activos máis importantes.

Por iso, estilizouse e actualizouse lixeiramente o logotipo dando un maior grosor, limpeza, solidez e peso á súa tipografía, sen perder nin un chisco da súa personalidade, pero buscando unha maior presenza e lexibilidade.

Ademais, no anagrama da marca, a estrela da cervexa de seis puntas que funciona como isotipo renóvase e simplifícase inspirándose na propia estrela orixinal, empregada dende 1906. O cromatismo da marca continúa fiel ás súas cores corporativas, pero agora o vermello e o negro son máis predominantes.

Novo packaging

O cambio de imaxe aplícase nun restyling global do packaging da marca. Un redeseño que unifica o gran portfolio de produtos de Estrella Galicia no ámbito nacional e internacional: botellas, latas, caixas e outros soportes de Estrella Galicia Especial e Sen Glute, así como a familia de 0,0; 0,0 Negra e 0,0 Tostada.

En liña coa esencia tradicional e apostando pola cultura cervexeira, agora as tipoloxías de produto contan cunha maior presenza. Así como a lenda familiar que ilustra o colariño do novo etiquetado de Estrella Galicia.

Estrella Galicia e Imaxe levan traballando durante case dous anos neste proxecto: apostando por unha evolución da marca en liña cos seus valores craft, sen perder a súa personalidade e o seu recoñecemento; pulindo un manual de marca completo, global e internacional; e buscando o equilibrio exacto entre a modernidade e a pureza para renovar centos de activos da compañía, novos materiais máis sostibles e alternativas á utilización de tintas metálicas para os seus packagings.

Sostibilidade

O compromiso que Estrella Galicia ten dende hai anos para reducir de forma continua o impacto da súa actividade na contorna é un dos principios que marcaron este traballo.

Ata o de agora o etiquetado estaba deseñado sobre papel metalizado, que foi eliminado e substituído por papel branco procedente de bosques sostibles certificados. Ademais, o cartón empregado no seu novo packaging é 100% reciclable e a botella de vidro non retornable alixerouse un 12%.

O proxecto desenvolveuse durante dous anos para acadar unha marca aínda máis sostible

Artículo anterior
Ángela Gómez Caruncho

Ángela Gómez Caruncho, nueva directora de Galicia de Torres y Carrera

Siguiente artículo
Executivas de Galicia

Executivas de Galicia celebra o seu 10º aniversario o 25 de xuño en Santiago de Compostela