A Cidade da Cultura de Galicia acollerá este venres, 25 de marzo, un congreso sobre igualdade
FELIPE VIEIRA
AJE e a Xunta de Galicia organizan un congreso sobre igualdade, conciliación e RSE como motores de empresa, que terá lugar este venres, 25 de marzo, na Cidade da Cultura de Galicia. A iniciativa dará comezo ás 09.00 horas co acto de inauguración, que estará presentado por Luis Fraga, e contará coa presenza de Luciano Covelo, presidente de AJE Galicia, e de María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade do Goberno galego. IKEA, CocaCola, Tecalis e Deloitte son algunhas das compañías que estarán representadas.
A continuación, Laura Baena, fundadora do Club Malas Madres, intervirá cun relatorio especial dunha hora de duración. Baena, de 37 anos, é responsable deste movemento que deu á volta ao concepto de mala nai. Chegou a Madrid dende Málaga tras estudar Publicidade e traballaba como directora creativa nunha axencia de publicidade. A realidade da crianza, segundo afirma, pillouna por sorpresa como a tantas outras e iniciou a actividade nun Club que conta con centos de seguidoras.
A iniciativa contará coa relatora Laura Baena, presidenta do Club Malas Madres
Tras a intervención de Baena, celebrarase unha mesa redonda sobre “Conciliación e medidas de igualdade nas empresas”, moderada por Luis González Rey, presidente de AJE Ferrolterra e vicepresidente de AJE Galicia. Nesta mesa redonda, participarán como relatores a propia Laura Baena, xunto á directora xeral de Relacións Laborais da Xunta, Elena Mancha; o socio responsable da zona Noroeste de Deloitte, Miguel Barroso e a responsable de RRHH de Dinahosting, Pilar Martínez.
Medidas de igualdade en Ikea
Tras unha pausa café, os asistentes poderán acudir á charla “Medidas de igualdade” que será impartida por Almudena Vázquez, xefa de ventas de Ikea para o mercado de Galicia. Tras esta intervención, terá lugar outra mesa redonda sobre RSE nas empresas, moderada por Nuria Iglesias, presidenta de AJE Ourense e vicepresidenta de AJE Galicia e que estará conformada por Gema Domínguez, xestora de Comunicación de Coca Cola; Gabriela González, directora de RSE e Comunicación de Eroski Vegalsa e Berta Caro, directora de Desenvolvemento Corporativo e RSC de Tecalis.
A asistencia a este congreso baseado na igualdade, a conciliación e máis a RSE é gratuíta pero a capacidade é limitada polo que as persoas que desexen inscribirse deben cubrir un formulario, que tamén pode descargarse nas redes sociais de AJE Galicia: @ajegaliciaoficial en Instagram; @Fegaxe en Twitter e @Fegaxe en Facebook.