Hoxe finaliza o prazo para optar ás axudas DeseñaPeme e InnovaPeme 2024

Dende o ano pasado, DeseñaPeme convócase conxuntamente coas axudas InnovaPeme para permitir que as empresas poidan aproveitar as sinerxías que supoñen as dúas convocatorias


REDACCIÓN


Hoxe finaliza o prazo da convocatoria 2024 de DeseñaPeme, a liña de axudas específicas da Xunta de Galicia para mellorar a capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e a xestión do deseño estratéxico á que poden optar microempresas, pemes e entidades do terceiro sector galegas, así como da convocatoria de InnovaPeme, unha liña de axudas dirixidas ás pemes para o financiamento das súas actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización.

Dende o ano pasado, DeseñaPeme convócase conxuntamente coas axudas InnovaPeme para permitir que as empresas poidan aproveitar as sinerxías que supoñen as dúas convocatorias, coa opción de presentarse ás dúas simultaneamente.

As axudas de DeseñaPeme contan con tres modalidades: deseño de produto, deseño de servizos e experiencias e deseño de marca e identidade corporativa

DeseñaPeme 2024

A convocatoria DeseñaPeme 2024 dispón dun orzamento de 1,5 millóns de euros. As axudas contan con tres modalidades: deseño de produto, deseño de servizos e experiencias e deseño de marca e identidade corporativa. O orzamento subvencionable estará entre os 50.000 e os 150.000 euros por proxecto e as axudas terán unha intensidade do 50 %.

Nas tres edicións anteriores do programa foron beneficiarias un total de 82 pemes galegas. Os proxectos desenvolvidos suman un orzamento total de nove millóns de euros e neles interveñen un total de 190 profesionais cualificados.

Estas axudas enmárcanse nas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA da Xunta de Galicia.

Artículo anterior

Canon reúne a sus partners en su sede de Madrid

Siguiente artículo

Actitud Río, puro coraje: la campaña de Río de Galicia que Avante lanza a nivel nacional