A gran feira Hispack desenvolverase do 24 ao 27 de maio
FELIPE VIEIRA
A industria do envasado ofrece solucións fundamentais para o desenvolvemento de calquera actividade produtiva, industrial, loxística e comercial e volve despregar toda a súa innovación en Hispack. Esta gran feira española organizada por Fira de Barcelona, reunirá a máis de 600 expositores directos e 1.100 marcas para mostrar resultados concretos e novas aplicacións na experiencia de sostibilidade, dixitalización e uso de envases e packaging entre o 24 e o 27 de maio.
Coa presenza dos principais fabricantes e distribuidores, Hispack encherá dous salóns do recinto feiral da Gran Vía de tecnoloxía, materiais e solucións de envasado, tendo en conta todo o seu ciclo de vida e as súas conexións con outros procesos produtivos e coa cadea de subministración.
O foro reunirá a máis de 600 expositores directos
Equipos e maquinaria
O 60% da oferta corresponde a equipos e maquinaria para envasado, embotellado, etiquetado, codificación, trazabilidade, proceso, automatización, robótica e loxística. Son os sectores denominados packaging & machinery process; etiquetado e embotellado; e loxística, automatización e robótica no hall 3.
Mentres, o 40% restante dos expositores presentará materiais, acabados, TPV e elementos de embalaxe específicos para distintos sectores industriais e de consumo, así como para distribución, comercio electrónico e comercio polo miúdo. Son os sectores de brand packaging e industrial packaging que se situarán no hall 2.
Graphispag
Así mesmo, este ano celébrase Hispack de forma simultánea a Graphispag, a mostra da industria gráfica e da comunicación visual que ocupará o pavillón 1. Esta alianza facilitará que marcas e impresores de envases, etiquetas e TPV poidan coñecer as novidades máis recentes en tecnoloxía gráfica, personalización, prototipado, deseños, formas e acabados de impresión.
Para Hispack, a internacionalización é un obxectivo estratéxico e unha das bases do seu crecemento futuro. Considerada unha das tres principais feiras europeas de envases, é a porta de entrada ao mercado ibérico, ademais de actuar coma ponte comercial cos países mediterráneos e latinoamericanos.
Despois de España, o país que máis empresas achega este ano á listaxe de expositores é Turquía, seguido de Italia, Alemaña, Francia, Holanda e Portugal. Unha quinta parte dos expositores directos de Hispack 2022 son internacionais, de ata 18 países.
Visitantes
No apartado de visitantes está previsto que o 10% dos asistentes proceda do estranxeiro. Para iso, Hispack está a levar a cabo accións de promoción en 15 países, principalmente de Europa, área mediterránea e Latinoamérica. Despois de varias edicións falando dos retos da industria do envase, este ano o foco estará en explicar e poñer en común os resultados concretos da aplicación da innovación que propón o packaging.
Chile: país convidado
A organización da feira estableceu un acordo con Chile como país convidado de honra para atraer á feira unha importante misión comercial que contribúa a incrementar as relacións comerciais e as exportacións españolas neste mercado.
Un total de1.100 marcas estarán representadas
A delegación chilena viaxará a Barcelona para participar en encontros de negocios cos expositores de Hispack. Xa se están a seleccionar as compañías con proxectos concretos de prospección ou compras que conformarán a misión comercial coa finalidade de axendar as reunións en función dos seus intereses. Prevese que en catro días se xeren en Hispack máis de medio milleiro de entrevistas con empresas chilenas.