
O Clúster da Comunicación de Galicia acaba de entregar os esperados galardóns na súa gala estrela do ano
REDACCIÓN
O Teatro Jofre de Ferrol acolleu este 21 de novembro a gala de entrega dos X Premios Paraugas que recoñeceron aos mellores proxectos do sector do márketing e da comunicación de Galicia nunha noite para o recordo, na que se constatou como o sector revoluciona a creatividade da nosa comunidade, impulsando ás súas empresas e creando riqueza cultural e económica. O presidente do Clúster da Comunicación, Alberto Garnil, destacou que chegar á décima edición “con 33 proxectos finalistas é a mellor mostra da forza creativa que está a vivir Galicia”.
A velada contou coa presenza institucional de José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol; Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes; Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol; e Ana Méndez, directora de Galicia Calidade, que participaron na apertura e na entrega dalgúns dos premios máis destacados do certame.
Conducida por Duarte Galbán e Fátima Pego, a gala apostou por un formato escénico renovado baseado nunha máquina do tempo estropeada, que activou a aparición de figuras destacables da historia dos Paraugas, como Xosé Luis Reza, que ‘viaxou no tempo’ dende a primeira gala dos Paraugas. O público, que encheu o Teatro Jofre, respondeu con entusiasmo a unha proposta dinámica que consolidou o espírito dos dez anos dos premios.
Na súa décima edición, os Premios Paraugas adaptáronse a un novo contexto do sector, máis transversal, integrado e cambiante, simplificando as categorías, incorporando criterios transversais e equilibrando o peso entre disciplinas con maior representación. Así, entregáronse un total de dez galardóns e cinco Premios Especiais, ademais dos Premios Honoríficos, un dos momentos máis emotivos da noite, concedidos a Santiago Rey Fernández-Latorre, histórico editor e presidente de La Voz de Galicia; e a Marisa Guitián Martínez, fundadora e directora da axencia Idea Creatividad y Comunicación.

Gañadores dos X Premios Paraugas
Premio Paraugas á Mellor Produción Gráfica
Unha árbore de historias. Gráficas Anduriña – Desoños – Biblioteca de Galicia
Premio Paraugas á Mellor Solución de Deseño
Marca Betanzos. Contorna – Besada – Failde BMJ Arquitectos – Nuria Carballo – Concello de Betanzos
Premio Paraugas á Mellor Idea Creativa
Caldo para paella valenciana. Imaxe – Proximia – Estrella Galicia
Premio Paraugas á Mellor Campaña Publicitaria
Segue sen haber nada máis de Madrid ca non ser de Madrid. Imaxe – Proximia – Estrella Galicia
Premio Paraugas á Mellor Estratexia de Márketing
Estratexia de márketing de Ducati. Recados Carmen
Premio Paraugas á Mellor Acción de Branding
RIO1923. Raíces, Identidade, Orgullo. Real Club Celta
Premio Paraugas á Mellor Estratexia Global de Comunicación
Activismo rural: un reto de la leche. Atrevia – Grupo Lence
Premio Paraugas á Estratexia máis Eficaz
Todo es marketing. Recados Carmen – ESIC
Premio Paraugas ao Mellor Evento Profesional ou Corporativo
Atlantic Green Hub. Ingenyus – Viratec – Aclima
Premio Paraugas ao Mellor Evento Cultural, Gastronómico ou Musical
Soundhood. SON Estrella Galicia – Imaxe
Premio Paraugas Novos Talentos
Dirección creativa e identidade visual de Xara Fest 2025. Alberto González
Premio Paraugas Galicia Calidade
Tio Phil, por campaña Paco & Lola, 20 aniversario.
Premio Paraugas ao Anunciante do Ano
Estrella Galicia
Premio Paraugas do Público
Krack nos Premios Feroz 2025. Área de branding de Krack
Premio Paraugas de Ouro
RIO1923. Raíces, Identidade, Orgullo. Real Club Celta
Con esta edición tan especial, os Premios Paraugas consolidan o seu compromiso por destacar o talento creativo galego e impulsar proxectos que combinen innovación, calidade e impacto social, reafirmando o seu papel como principal plataforma de recoñecemento para a industria da comunicación en Galicia.

Os Premios Paraugas non serían posibles sen o apoio dos patrocinadores e dos colaboradores que axudan a visibilizar o gran talento do sector, como son a Xunta de Galicia e Galicia Calidade, o Concello de Ferrol, Galicia Calidade, CESUGA, AVANT∑, TAC!, Raiola Networks, Abanca, PuntoGal e Estrella Galicia. Os galardóns tamén contan co apoio de: Atelier Gráfica Visual, Wise, Closet Comunicación, Miraveo, Servicios Gráficos, Creatividade Galega, Markea, Dircom Galicia e OPC Galicia.