Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021
REDACCIÓN
A programación coa que Galicia representa a España como país convidado da Porto Design Biennale, que leva por título Galiza. Processos e formas, foi presentada no mes de outubro na Oficina de Turismo do Porto e Norte de Portugal de Santiago de Compostela pola directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Moreira; o vicepresidente da Cámara Municipal de Matosinhos, Fernando Rocha; a directora da Porto Design Biennale, Magda Seifert; o director executivo da ESAD Matosinhos, Sérgio Afonso; e o comisario do país invitado, David Barro.
Patricia Argerey agradeceu a honra que este fito representa para Galicia, como recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza.
Durante a presentación desvelouse a listaxe de 140 empresas e profesionais que foron seleccionados como referentes do deseño galego do último século para a exposición de gran formato que permanecerá aberta ata o 3 de decembro na Galería Municipal de Matosinhos (Portugal). Esta mostra é unha coprodución da Porto Design Biennale e da Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación DIDAC.
A Axencia Galega de Innovación facilitará o desprazamento de docentes e alumnado das escolas de deseño galegas para que visiten a exposición e o resto das mostras da bienal. A directora deste organismo quixo animar tamén a todos os galegos e galegas que elixan visitar Porto e a súa comarca durante os vindeiros meses a que inclúan a exposición sobre o deseño galego nos seus plans.
A programación galega na bienal inclúe tamén un proxecto editorial. Trátase dun extenso ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia, que está coeditado pola editorial Experimenta e que terá unha versión dixital gratuíta en galego, accesible na web da Axencia Galega de Innovación. Isto complétase cun catálogo en portugués e inglés no que se fai un percorrido pola exposición.
Ademais, terá lugar unha xornada organizada en colaboración coa Fundación Artesanía de Galicia. Incluirá un taller con Isaac Piñeiro, gañador na categoría de profesionais do deseño nos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2022, e a artesá Idoia Cuesta, ademais de dúas charlas impartidas por estes e pola ceramista Verónica Moar.
A auga como tema central
Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, no maior evento bienal de deseño da Península Ibérica, que este ano ten a auga como tema central.
Este fito permitirá reforzar de xeito significativo a difusión e a promoción do deseño galego a nivel internacional, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións. A de 2019 mobilizou ao redor de 50.000 persoas ao longo de 81 días de actividades e a edición de 2021 logrou manter a repercusión nun contexto de restriccións pola pandemia, grazas ao deseño dun programa mixto presencial-online.
Galicia colaborara xa nas anteriores edicións da Porto Design Biennale, cunha mostra colectiva de deseño galego en Porto en 2019 e coa presentación do programa Diferenza na edición de 2021, ademais da acollida no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) da exposición Arquivo da materia viva, logo do seu paso por Matosinhos.
A edición 2023 preséntase como unha oportunidade para consolidar a alianza de Galicia e o norte de Portugal desde un punto de vista estratéxico e creativo e como punto de partida para a posta en marcha de máis iniciativas comúns.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.