Galicia, rexión convidada da Porto Design Biennale 2023

A edición 2023 constitúe unha oportunidade para consolidar a alianza de Galicia e o norte de Portugal


REDACCIÓN


Galicia será a rexión convidada da edición 2023 da Porto Design Biennale, o maior evento bienal de deseño da península Ibérica. Así se anunciou durante a presentación realizada na Escola Superior de Artes e Deseño ESAD-idea, en Matosinhos (Portugal), na que se adiantaron as liñas mestras do evento, que terá lugar a partir do 19 de outubro.

A nosa comunidade colle o relevo de Italia e Francia, países invitados das edicións 2019 e 2021, en recoñecemento ao traballo de impulso ao deseño que se está realizando a través de iniciativas como o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza e o labor da Fundación Artesanía de Galicia.


A programación incluirá unha exposición de gran formato, un proxecto editorial, conferencias e talleres sobre o deseño

Este fito permitirá reforzar de xeito significativo a difusión e a promoción do deseño galego a nivel internacional, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas edicións anteriores. Así, a de 2019 mobilizou ao redor de 50.000 persoas ao longo de 81 días de actividades e a de 2021 logrou manter a repercusión nun contexto de restricións pola pandemia grazas ao deseño dun programa mixto presencial-online.

A participación protagonista de Galicia no evento estará coordinada por David Barro, asesor do programa Diferenza e director da Fundación Didac, como comisario da rexión convidada. O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.

Innovación e artesanía con selo galego

A programación incluirá unha exposición de gran formato que permanecerá aberta en Matosinhos durante toda a duración da Porto Design Biennale, un proxecto editorial, conferencias e tamén talleres, actividades todas elas centradas no deseño para a innovación e a artesanía con selo galego.

Galicia colaborou xa nas anteriores edicións da Porto Design Biennale cunha mostra colectiva de deseño galego en Porto en 2019 e coa presentación do programa Diferenza na edición de 2021, ademais da acollida no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) da exposición ‘Arquivo da materia viva’ logo do seu paso por Matosinhos.

A edición 2023 constitúe unha oportunidade para consolidar a alianza de Galicia e o norte de Portugal desde un punto de vista estratéxico e creativo e tamén como punto de partida para a posta en marcha de máis iniciativas comúns.

Nova identidade

Nesta edición presentouse a nova identidade gráfica da Porto Design Biennale, creada polo deseñador Andrew Howard xunto ao seu colega de ensino e tamén deseñador André Cruz. Xuntos desenvolveron a identidade gráfica do evento, que combina solucións tipográficas ilimitadas e diversas. Trátase dunha creación que transmite o carácter explorador e o sentimento de pluralidade que promove o Porto Design Biennale.

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.

Artículo anterior

Candela Pérez: “La llave maestra es transmitir nuestros valores”

Siguiente artículo

Simone Serasini: “No me imagino un mundo donde la IA sustituya a los diseñadores”