Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico, ata o 31 de outubro na Fundación DIDAC

Galicia, Procesos e Formas fai un percorrido dende referentes históricos como Luis Seoane ou Urbano Lugrís ata talentos actuais como Álvaro Valiño ou as Yarza Twins


REDACCIÓN


A mostra Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico permanece aberta ao público ata o 31 de outubro na Fundación DIDAC (Santiago de Compostela). Trátase dunha escolma do material da exposición coa que Galicia representou a España como país invitado na Porto Design Biennale no 2023, co comisariado de David Barro. Nela trázase un percorrido por diversos referentes actuais e históricos do deseño galego a través de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos.

Durante a inauguración, celebrada o 10 de setembro, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou o papel do deseño como ferramenta para a transformación social e económica de Galicia. Durante a súa intervención, subliñou o respaldo ao sector realizado pola Xunta de Galicia a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, promovido pola Axencia Galega de Innovación.

Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico pode visitarse na Fundación DIDAC (Rúa Pérez de Constanti, 12, Santiago)

Nesta mostra faise un percorrido dende referentes históricos como Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Urbano Lugrís ata talentos actuais como Francisco Leiro, Álvaro Valiño ou as Yarza Twins. As pezas expostas tamén son un relevante testemuño da visión das empresas galegas pioneiras na incorporación do deseño, como Conservas Masso ou Laboratorios Bescansa. A exposición pode visitarse na Fundación DIDAC (Rúa Pérez de Constanti, 12, Santiago) de martes a venres (10:00 a 14:00 h e 16:00 a 19:00 h) ou sábado, previa cita.

Galicia estará na XV Bienal de La Habana

Galicia foi convidada a participar este outono na XV Bienal de La Habana no marco do proxecto Espirales Transatlánticas, que reunirá a creadores e creadoras de Cuba, Brasil, Portugal, País Vasco e Galicia. A presenza de Galicia neste evento de referencia internacional, que terá lugar no mes de novembro na capital de Cuba, proxecta o apoio e o impulso da Xunta á arte, ao deseño e á artesanía. En concreto, a invitación pon en valor o compromiso do Goberno galego co deseño como motor cultural e social a través do Programa DIFERENZA.

Espirales Transatlánticas fai alusión ao pasado común dos territorios participantes no relativo ás migracións, pero tamén á cultura megalítica: pedras talladas en círculos e espirais dispersas entre bosques e ríos, símbolos vitais que se repiten rítmica e periodicamente desde Irlanda a Escocia, Gales ou Galicia.

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Artículo anterior

Canon, reconocida como Líder en Seguridad de Impresión

Siguiente artículo

O programa Alento pecha con éxito a súa primeira edición cun evento na Coruña