Galicia Fórum Gastronómico desvela aos protagonistas da súa edición máis esperada

Fotos: Pedro Casal / AirOn Fotografía

Baixo o tema central ‘Un océano de cociñas’, Galicia Fórum Gastronómico expoñerá a riqueza e a variedade de cociñas que hai na gastronomía contemporánea


REDACCIÓN


Inspirar e emocionar. É o obxectivo do Galicia Fórum Gastronómico (GFG), que este ano celebra por todo o alto a súa décima edición do 23 ao 25 de marzo en ExpoCoruña. Durante este tempo, GFG soubo consolidarse como o evento imprescindible do noroeste peninsular para os profesionais da enogastronomía, reafirmando o seu compromiso co territorio, co talento e coa formación.

Esta edición é moi significativa, porque este ano, o 2025, cumprimos 10 edicións desde que o Fórum chegou a Galicia, converténdose no encontro imprescindible sobre todo para os que amamos a gastronomía dende todos os puntos de vista”, asegurou a súa directora, Ana Trevisani, durante a presentación do Programón este martes no Museo Estrella Galicia na Coruña.

‘Un océano de cociñas’ é o tema central deste ano, que serve para “presentar a cociñeiras e cociñeiros de mares e territorios próximos e afastados, e tamén para expoñer a riqueza e a variedade de cociñas presentes na gastronomía contemporánea”, explicou o director do programa, Pep Palau. “Esta edición é unha declaración de intencións: seguimos apostando pola innovación, polo produto local e pola creatividade e o enorme talento dos nosos cociñeiros galegos”, sinalou Trevisani.  

Ana Trevisani destacou os espazos como o Auditorio, “o gran espectáculo da gastronomía, e onde os mellores cociñeiros realizarán demostracións en directo”; o Taller, “con cociña en vivo e degustacións”; Ágora, “un escenario de demostracións a cargo dos nosos expositores”; e as aulas monográficas, ás que se suma un “escaparate das tendencias e novidades do sector foodservice e unha gran plataforma profesional e comercial que contará con máis de 200 marcas expositoras”, indicou.

Gastronomía líquida en expansión

A gastronomía líquida é outra das protagonistas do GFG. Trátase dun sector “en constante expansión que un ano máis conta cos seus propios espazos”, como o Wine Circus, en colaboración co Instituto Galego do Viño, onde se celebrará a famosa Batalla de Sumilleres; o Cocktail Bar Forum, en colaboración con Shake the Kitchen; o Craft Beer Market, dedicado en exclusiva ao mundo das cervexas artesás; o Cheese Forum, e a novidade deste ano: o Coffee Forum, un espazo no que será protagonista o café de alta calidade, con relatorios formativos e degustacións de cafés de especialidade.

Trevisani tamén incidiu no legado que deixou o GFG durante a súa historia en Galicia e que non sería posible “sen quen cre no poder da gastronomía para transformar, sorprender e unir”, agradecendo o apoio de todas as empresas e institucións.

A presentación do Programón contou tamén coa participación da chef estrella Michelin Lucía Freitas, que cociñou diante do público por primeira vez no GFG, e confesou o seu amor por un evento que “non só fai gastronomía de territorio, senón que aposta por persoas que non están visibles e aquí poden asinar a súa cociña con nome propio”.

Joan Roca, Elena Arzak, Ricard Camarena, Xavier Pellicer, o xaponés Kanji Kobayashi, a boliviana Marsia Taha ou a portuguesa Rita Magro son algúns dos chefs participantes nesta edición

Pola súa banda, Pedro López, da área de Trade Marketing de Estrella Galicia, principal patrocinador do evento, puxo o foco no impacto positivo de proxectos como “as cervexarías circulares que dan apoio á hostalería” ou “o programa Imperfectxs con chefs como Carlos Casillas”.

Esta décima edición trae a grandes chefs como Joan Roca, Elena Arzak, Marcos Moran, Rita Magro (Mellor Cociñeira Nova 2024 de Portugal pola Guía Michelin), Ricard Camarena, Lucía Freitas, Kanji Kobayashi, Marsia Taha (Mellor Chef de Latinoamérica 2024 por 50 Best Restaurants) ou Kanji Kobayashi, o chef xaponés namorado de Galicia e dos seus produtos.

En canto a Galicia, estarán chefs xa encumbrados e famosos como os estrelados Javier Olleros, Xosé Cannas, Pepe Solla, Lucía Freitas ou Iñaki Bretal; os veteranos Beatriz Sotelo, Begoña Vázquez, Dani López, Taky, Martín Vázquez, Iago Pazos, Dolores García ou o televisivo Julio Mato.

“Xunto a eles, deseñamos dúas sesións que baixo o título ‘a cociña que vén’ permitirán poñer o foco nalgúns dos chefs que empuxan con forza como son Xosé Magalhaes e Lydia do Olmo, Brais Pichel, Axel Smyth, Eva Guzmán e Fernando Rodríguez, ou Alberto Cruz e María Cambreiro”, explicou Pep Palau, ademais dos coruñeses Chechu Rey, Manuel Triay e Viviana Muñoz e Nacho Moreira.

Fórum Doce

Pep Palau tamén destacou dúas sesións que locen a etiqueta Fórum Doce, con demostracións de Toni Beira, gañador do Mellor Panettone de España 2024, e Alejandro García que mostrará as excelencias da pastelería xaponesa coas súas mochis.

Nesta edición tamén se celebrará o Premio Cociñeiro Galego 2025. Os candidatos son: Arón Álvarez, Víctor Basante, Bret Fernández, Nel Parada e Miguel Vázquez, e as votacións estarán abertas ata o 28 de febreiro. O Fórum tamén acollerá o Campionato de Tiraxe de Cervexa de Estrella Galicia, o Desafío XChef, os Premios Picadillo e a segunda edición do Concurso de Empanadas de Galicia.

Artículo anterior

Pisando Charcos, o Mellor Traballo de Impresión en Papel

Siguiente artículo

Feiraco estrena nueva imagen con el campo como protagonista