Galicia coida a súa paisaxe

A Xunta concede preto de 2.400 axudas en catro anos para avanzar na súa aposta polo fermosismo


REDACCIÓN


Correxir impactos paisaxísticos e potenciar a aposta polo fermosismo son os principais obxectivos das case 2.400 axudas concedidas nos últimos catro anos (2021-2024) polo Executivo galego, tanto a concellos como a particulares, por un importe de preto de 9,6 millóns de euros, e que supoñen a mobilización dun investimento global de arredor de 14 millóns de euros.

Grazas a estas achegas, que cada vez teñen maior demanda, é posible mellorar o estado de distintos inmobles propiedade de particulares e tamén edificios, equipamentos e outras instalacións de titularidade municipal. Así, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, as axudas aprobadas desde 2021 xa chegaron a un total de 283 dos 313 municipios galegos, o que supón máis do 90% do total.   

Galicia avanza na aposta polo fermosismo promovendo a mellora das fachadas, cubertas, muros e a contorna de distintas edificacións tanto municipais como privadas

Só na convocatoria deste ano aprobáronse solicitudes de 50 concellos para realizar 64 actuacións, e de 346 particulares ata esgotarse os 2 millóns de euros orzamentados. Deles, un millón foi para as entidades locais e outro millón de euros para os particulares, permitindo cubrir ata o 70% do investimento subvencionable.

Na súa aposta polo fermosismo, as axudas habilitadas polo Goberno galego para os concellos de menos de 20.000 habitantes prevén dúas liñas de apoio, podendo beneficiarse dun máximo de 40.000 euros (20.000 euros por liña). A primeira das modalidades é para renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais e a segunda para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos.

No caso dos particulares, os apoios son para intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche. A maiores, na convocatoria deste ano introduciuse como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.

As axudas para mellorar o aspecto e a conservación de elementos etnográficos como fontes ou palcos de música están dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes

O exemplo do concello coruñés de Trazo

Precisamente, un dos concellos que se beneficiou destas axudas foi o de Trazo, que recibiu nestas catro convocatorias achegas por importe de preto de 140.000 euros para un total de 38 actuacións. Así, unha das vivendas da parroquia de Vilouchada beneficiouse en 2021 dunha achega de 3.000 euros que empregou na renovación da cuberta con tella do país.

Ao abeiro da convocatoria deste ano para concellos, o Goberno local de Trazo ten aprobadas dúas actuacións que suman unha axuda total de máis de 26.000 euros. A primeira delas consiste na mellora do estado do Centro Social de Oa, na parroquia de Xavestre, e a outra permitirá recuperar e acondicionar o Lavadoiro de Irexe, na parroquia de Chaián. Actuacións necesarias para converter en realidade a aposta polo fermosismo en Galicia.

Artículo anterior

Beerfing 7, el punto de referencia de la creatividad gallega, tomará A Coruña por banda

Siguiente artículo

AVANTE se hace con la cuenta de medios de AMC Networks en España