A formación práctica gaña peso nas escolas superiores de arte e deseño galegas

EASD Mestre Mateo (Foto: Rafa Millares)

As escolas superiores de arte e deseño de Galicia ofertan unha formación próxima, impartida por un profesorado altamente cualificado


PABLO LÓPEZ


Conseguir que os alumnos acaden os coñecementos mínimos necesarios para levar a cabo os seus proxectos e facelo cunha formación próxima, impartida por un profesorado altamente cualificado e cunhas materias nas que a compoñente práctica ten cada vez máis peso. Estes son os obxectivos das escolas superiores que imparten graos e ciclos formativos vencellados ao deseño, uns centros que, nos últimos tempos, reforzaron a súa relación con empresas e profesionais de prestixio.

A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, a Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela salientan o nivel co que os seus alumnos rematan os estudos e non teñen dúbida de que todos eles están listos para, sempre co seu traballo e esforzo, facer realidade os proxectos máis ambiciosos.

O director da EASD Ramón Falcón, Ramón Cabarcos, destaca a relación de proximidade que teñen os docentes cos alumnos, algo ao que contribúe o reducido número de estudantes por grupo. “Podemos presumir dunha proporción moi baixa entre o número de alumnos e o profesorado. Son clases cun número de alumnos bastante limitado e, polo tanto, a atención é moi persoal”, apunta Cabarcos, que tamén salienta, como puntos fortes deste centro, a “alta especialización do profesorado” e “a interacción constante co mercado laboral”.

“A nosa clase estaba moi unida”, apunta o exalumno da EASD Pablo Picasso, José María Picón

A adaptación das materias e do modo de implementalas ao exercicio profesional é tamén un dos aspectos salientados polo director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela, Juan Adrio. “Centrámonos en que os alumnos saian coa capacidade de realizar os seus proxectos. O traballo no taller é moi importante”, apunta Juan Adrio, que menciona habilidades como o manexo das ferramentas dos programas 3D, das impresoras, da madeira e do metal.

Alumnos preparados

“Cando eu estudei, hai 15 anos, todos os alumnos tiñamos un camiño que queriamos percorrer e axudabámonos entre todos. A nosa clase estaba moi unida”. Son palabras do exalumno da EASD Pablo Picasso, José María Picón, que ten hoxe a súa propia empresa de deseño de xogos de mesa e que recalca que o centro no que se formou “preocúpase por darlle unha saída profesional aos seus alumnos”.

A aprendizaxe das diferentes técnicas que existen para levar ata o final un proxecto ou idea é o que máis lle gustou da Escola Mestre Mateo de Santiago a Eduardo Rial, que cursou o grao de Deseño de Produto e o de Moda. “Destacaría a aprendizaxe das diferentes metodoloxías que existen para chegar a un resultado final. O nivel é alto e hai uns docentes moi cualificados. É unha pena que a disciplina de Deseño de Produto non se coñeza máis”, comenta.

EASD Ramón Falcón

Sobre o Grao de Deseño de Produto, o director da EASD Mestre Mateo salienta as múltiples posibilidades que teñen os alumnos que o cursan. “Intento potenciar o Deseño de Produto porque é a especialidade do deseño que o engloba todo, porque todo é un produto”, explica Juan Adrio.

Profesores de prestixio

Se hai algo no que coinciden os responsables dos centros de deseño galegos mencionados nesta reportaxe e os alumnos que estudaron neles é en salientar o elevado nivel dos profesores que imparten as clases. Ademais da súa vinculación co mercado laboral, algo que sempre é de axuda para atopar traballo unha vez rematados os estudos, destacan a gran variedade de disciplinas que están representadas entre eles e o énfase que sempre poñen á hora de ensinar as habilidades prácticas.

“Unha das vantaxes do noso centro é a variedade do profesorado. Na universidade non hai tanta variedade. Nunha facultade de enxeñería, practicamente todos os profesores son enxeñeiros. Aquí hai arquitectos, deseñadores, ilustradores, expertos en fotografía…”, expón Juan Adrio, que engade que na escola Mestre Mateo hai un total de 46 profesores.

Unha opinión similar defende o director da Escola Ramón Falcón, que pon o acento sobre a relación entre os profesores e o ámbito profesional. “Hai unha grande implicación co mercado laboral. Temos un profesorado que está altamente especializado e en contacto co mercado laboral. Algúns son profesionais de recoñecido prestixio”, resalta Ramón Cabarcos.

Sobre o Grao de Deseño de Produto, o director da EASD Mestre Mateo, Juan Adrio, salienta as múltiples posibilidades que teñen os alumnos

O exalumno da Pablo Picasso garda un bo recordo dos profesores que lle deron clase, se ben recoñece que sacou deles os coñecementos que máis interesantes lle resultaban para o seu proxecto de futuro. “Sacaba o que máis me interesaba de cada un deles”, recalca.

Ese nivel do profesorado destas escolas, unido a unha programación con importante peso da práctica e moi vencellada ao ámbito laboral, axuda a que exista en todas elas un bo ambiente de traballo. “O ambiente é moi agradable e rara vez temos conflitos. As enquisas de satisfacción sempre son moi positivas”, afirma Ramón Cabarcos.

Artículo anterior
Cocoon

Cocoon + Air-Ink: una combinación ganadora

Siguiente artículo
Smile Festival

El 7 de marzo se celebrará la próxima edición del Smile Festival