Esta fonte, creada por Lino Prieto e Rubén Prol, leva o apelido de Ricardo Fontoira, mariñeiro adicado a foliar as embarcacións do Grove e Meloxo
CARLOS B. TORRADO
Non é difícil camiñar polo Grove (Pontevedra) e quedar abraiado coas embarcacións locais. Os seus folios (un código alfanumérico que indica a actividade que desenvolve a embarcación, a súa provincia martítima e o distrito e ano no que foi rexistrado), sempre presentaron unhas letras moi traballadas e distintivas, que representan de maneira moi especial á cultura mariñeira. Por este motivo, Rubén Prol, maquetador e deseñador gráfico e de tipografía; e Lino Prieto, informático e deseñador gráfico; decidiron investigar sobre a orixe destas letras para convertilas nunha tipografía dixital gratuíta: Fontoira.
Na procura da orixe das letras
Como informan Prol e Prieto na páxina web da fonte (onde se pode descargar de maneira gratuita ou pagando o que se considere no caso de utilizala con fines comerciais), deduciron que as letras das embarcacións non eran pintadas con plantillas xa que “os remates e rebiricoques sempre eran distintos”.
Rubén Prol e Lino Prieto decidiron investigar a orixe dos folios das embarcación do Grove para poder crear unha tipografía dixital que axude a manter este sinal de identidade
As primeiras pesquisas sobre a orixe das letras xa sinalaban a un nome como responsable do foliado da gran maioría de barcos da zona: Ricardo Fontoira (ou Raúl, como é coñecido entre os veciños do Grove). Coa idea de crear unha tipografía que recollera a esencia deses folios e así manter o patrimonio cultural e artístico do Grove, os dous deseñadores decidiron que a fonte tipográfica levase o nome do autor orixinal.
O nacemento dun arte singular
Ricardo Fontoira naceu no Grove en 1938 e comezou a debuxar letras de maneira autodidacta sobre os 15 anos, xa que tiña especial gusto por rotular. Sen consultar nunca ningún libro ou manual, Fontoira foi desenvolvendo un estilo único, que plasmou no folio do seu barco de segunda man, o Pato, tras volver da emigración.
As letras do seu barco gustaron moito aos seus compañeiros do mar, polo que comezaron a chamalo para que lles afoliara o barco e el sempre accedeu a facelo de xeito altruísta no Grove, Porto Meloxo e varias vilas da ría. A día de hoxe segue a rotular, sempre “a pulso, sen marcar, namais que unha raia para que vaian máis ou menos dereitas, e sen copiarlle nunca a ninguén, todas sacadas da miña mente”. Os dous deseñadores contactaron con el e comezaron a traballar no proxecto de crear unha tipografía a partir do traballo deste mariñeiro.
Un traballo único que Prol e Prieto souberon encontrar e valorar. Agora, a arte de Fontoira non se limita aos laterais dos barcos e pode recorrer calquera medio dixital, conservando, iso sí, o seu espirito e identidade orixinais.