Flúor reforza o seu papel como cita clave do sector cunha edición máis experiencial en Pontevedra

O encontro, que se celebrará os días 14 e 15 de maio, reunirá referentes do sector e incorporará obradoiros prácticos nun novo formato


REDACCIÓN


O congreso Flúor celebrará os días 14 e 15 de maio a súa oitava edición cunha proposta renovada que aposta por un formato máis participativo sen renunciar ás grandes voces do márketing, a comunicación e a creatividade.

Baixo o lema ‘O valor de elixir’, o evento reunirá na cidade a profesionais de referencia nun programa que combina inspiración, análise e aprendizaxe aplicada.

Organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, en colaboración con Creatividade Galega e Markea, o encontro arrancará o xoves 14 na sede de Afundación de Pontevedra cunha intensa xornada de relatorios, entrevistas, mesas redondas e casos de éxito.

Flúor celebra a oitava edición cunha proposta renovada que aposta por un formato máis participativo

Pola súa programación pasarán figuras destacadas como Javier Campopiano, Global Chief Creative Officer en Omnicom Advertising; Adriana Domínguez, presidenta executiva de Adolfo Domínguez; Nacho Padilla, director de marca de Renfe; e Esther Morell, directora de Márketing e Comunicación de ILUNION, que actuarán como keynote speakers.

Talento galego emerxente

Xunto a eles, tamén terá protagonismo o talento galego, representado por Iria Pérez Gestal, directora de Comunicación Corporativa e Relacións Institucionais en TOUS Jewelry, quen ofrecerá o relatorio ‘En defensa del qué’.

A xornada comezará ás 9.30 horas coa inauguración oficial e continuará coa intervención de Campopiano, un dos creativos máis recoñecidos a nivel internacional. A continuación, Adriana Domínguez participará nunha entrevista conducida por Xisela López, directora creativa executiva en Sra. Rushmore, nunha conversa centrada na empresa, a identidade de marca e a toma de decisións.

Baixo o lema ‘O valor de elixir’, o evento reunirá na cidade a profesionais de referencia

O programa matinal completarase coa participación de Carlos López Panisello, director xeral de Ducati para España e Portugal, e coa mesa redonda de AVANTE ‘No es influencia, es media: creadores de contenido como parte de la estrategia de marketing’, na que intervirán Rocío Carreiro Corbal, Romina Fernández, Alberto Baamonde, Defreds e Ángel Currás.

Ademais, Esther Morell abordará o papel do márketing vinculado ao propósito e ao impacto social, mentres que Nacho Padilla ofrecerá a súa visión sobre a creatividade aplicada á mobilidade e á comunicación pública. Tras a sesión da mañá, o evento abrirá un espazo de lunch & networking orientado a favorecer o intercambio de ideas e a conexión entre profesionais e empresas.

Pola tarde, Flúor retomará a actividade con Sergio Mutis, responsable de medios e estratexia de contidos de CUPRA e SEAT, seguido dunha entrevista a Miguel de la Cierva, director de El Náutico de San Vicente, realizada polo xornalista Carlos Crespo.

Pola súa programación pasarán figuras destacadas e terá protagonismo o talento galego

A programación incluirá tamén o bloque ‘Case Study Flash: Speed Marketing’, con Lucía Paradela (Quescrem-Innolact), Óscar Martínez (Viña Costeira) e Candela Hermida (Henko Sports), e pecharase coa intervención de Santi Miguelez, director global de Márketing Operativo en Hijos de Rivera.

Obradoiros e aprendizaxe práctica en O Sanatorio

Como principal novidade desta edición, a segunda xornada, o venres 15 de maio, trasladarase a O Sanatorio, un antigo edificio reconvertido en laboratorio creativo no centro de Pontevedra. Este espazo acollerá obradoiros de aforo reducido, deseñados para ofrecer unha experiencia máis próxima, práctica e participativa.

Como principal novidade desta edición, a segunda xornada, o venres 15 de maio, trasladarase a O Sanatorio

Con este novo enfoque, Flúor reforza a súa dimensión formativa e experiencial, ampliando o seu papel como punto de encontro para o sector e combinando coñecemento, creación e networking. A organización avanzou que a programación completa desta segunda xornada darase a coñecer proximamente.

Colaboradores

A celebración de Flúor conta co apoio de numerosas entidades públicas e privadas. Como colaborador institucional principal figura o Concello de Pontevedra, a través da súa área de Promoción Económica.

Entre os patrocinadores Gold atópanse a Xunta de Galicia, Recados Carmen, a Deputación de Pontevedra e Raiola.

O nivel Silver está integrado por Avante, Abanca y SUTAG, mentres que como patrocinadores Business figuran o Consello Social da Universidade de Vigo, Asomados, Ingenio Media e ICON.

Con este novo enfoque, Flúor reforza a súa dimensión formativa e experiencial

O evento conta ademais coa colaboración especial de Creatividade Galega e o apoio de empresas como Miraveo, Cactus Digital, Autocares Rías Baixas, Coca-Cola, Froiz, TAC e Loft Confort. Como media partners participan Quincemil, Treintayseis e Rúbrica.

As entradas xa están dispoñibles a través da web oficial, nunha edición que aspira a consolidar Pontevedra como epicentro do pensamento creativo e estratéxico no ámbito da comunicación.

Artículo anterior

The Way Startup Summit crece con 200 inversores y Uruguay como país invitado

Siguiente artículo

Joaquín Mouriz alerta sobre la crisis de credibilidad y reivindica el papel estratégico del dircom