FLÚOR converte a Pontevedra na capital do márketing dixital

márketing dixital

Por vez primeira, FLÚOR pode seguirse por Twitch


ROCÍO MOARES


O Auditorio de AFundación en Pontevedra acolle hoxe e mañá o 3º Congreso Atlántico de Márketing Dixital, FLUOR21, que xa foi inaugurado polo presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza, e polo alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

Xosé Luis Reza quixo agradecer na súa intervención o esforzo dos membros do Comité Técnico, dos colaboradores e dos patrocinadores deste importante foro, que se realiza en formato híbrido, presencial e online. “Temos talento e temos empresas; temos todo o necesario”, sinalou Reza. “Este congreso converte a Pontevedra na capital do márketing dixital europeo”, asegurou o presidente do Clúster da Comunicación.

Xosé Luis Reza tamén fixo fincapé na importancia do convenio asinado recentemente coa Associação Portuguesa de Profissionais de Marketing (APPM), un acordo que “vai traer moitas alegrías, porque o país veciño ten moito que dicir no eido do márketing”, engadiu.

“Temos talento e temos empresas; temos todo o necesario”, destacou o presidente do Clúster da Comunicación, Xosé Luis Reza, durante a inauguración

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou que dende o goberno local trabállase por “unha cidade na que a creatividade, a innovación e as novas tecnoloxías sexan fundamentais”. “Contar coa presenza de practicamente todas as empresas galegas da comunicación vai na liña do que o Concello quere para pelexar polo futuro de Pontevedra”, destacou. “Por iso seguiremos apoiando as novas edicións de FLÚOR, porque o futuro está na globalización ben entendida, nas novas tecnoloxías e na creatividade”, explicou Miguel Anxo Fernández Lores.

25 relatores de primeiro nivel

A primeira xornada do programa de #FLUOR21 céntrase na estratexia de marca & social e nos novos modelos de negocio (tendencias de produto e márketing), mentres que mañá venres abordarase o ecommerce, descubrindo as experiencias e as novas visións dos 25 relatores de primeiro nivel que participan nesta 3ª edición de FLÚOR.

Entre os expertos atópanse Teba Lorenzo, brand partnerships lead de Tik Tok; Daniel Solana, fundador de DoubleYou; Carolina Fernández, account strategy lead Google Shopping de Google; Gaspar d´Orey, director xeral de Dott, así como Charo Orellana, communication associate director en Coca-Cola Europacific Partners; Mercedes Blánquez, xefa de desenvolvemento de negocio e capacidades de publicidade en Movistar+ TV; e Jorge González Marcos, country manager de Prestashop, entre outros.

Os interesados en facer preguntas aos relatores poden formulalas a través da canle de Twitter

Tamén en Twitch

O intenso programa engloba un total de 21 actividades: 15 conferencias, dúas mesas redondas e catro talleres prácticos. Os interesados en facer preguntas aos relatores poden formulalas a través da canle de Twitter. Ademais, por vez primeira, FLÚOR pode seguirse por Twitch.

Artículo anterior

Iván Fernández: “Galicia Calidade aporta diferenciación e garantía de cara ao consumidor”

Siguiente artículo
Flúor

Digitalización y personalización: las claves de la industria hotelera, a debate en Flúor