Fío reunirá o sector da comunicación galega para analizar os seus retos e definir novas liñas de actuación

Foto: Clúster de Comunicación de Galicia


O Clúster da Comunicación de Galicia celebrará o 6 de novembro na Coruña o seu primeiro foro sectorial


REDACCIÓN


O sector da comunicación e do márketing de Galicia ten unha nova cita para reflexionar sobre o seu presente e futuro. O Clúster da Comunicación de Galicia vén de presentar o programa de Fío, o seu primeiro foro sectorial, que terá lugar o próximo venres 6 de novembro no Espacio Avenida ABANCA da Coruña, entre as 9.30 e as 14.00 horas.

A iniciativa nace co propósito de converter empresas e profesionais en protagonistas da análise e da definición dos próximos pasos do sector. Para iso, o encontro combinará espazos de reflexión, intercambio de experiencias e traballo colaborativo, co obxectivo de identificar as principais preocupacións da industria e recoller propostas que permitan orientar as futuras liñas de actuación do Clúster.

Un dos elementos centrais da xornada serán as catro mesas de traballo participativas previstas no programa. A través delas, as persoas asistentes poderán compartir experiencias, detectar necesidades comúns e propoñer posibles solucións arredor de catro grandes ámbitos: o valor estratéxico e o prezo dos servizos de comunicación; a competitividade e o mercado; os clientes e as novas oportunidades de negocio; e o talento, a tecnoloxía e a transformación.

Un dos elementos centrais da xornada serán as catro mesas de traballo participativas previstas no programa

Con este formato, Fío busca ir máis alá do debate sectorial tradicional e favorecer a construción colectiva de respostas ante os desafíos que afrontan as empresas e os profesionais da comunicación nun mercado en constante evolución.

Un informe para medir a competitividade do sector

O programa incluirá tamén a presentación do Informe de competitividade da comunicación, unha ferramenta concibida para ofrecer coñecemento estratéxico sobre a situación do sector en Galicia.

O documento pretende proporcionar unha base de análise que contribúa a identificar os retos do mercado, anticipar tendencias e orientar a toma de decisións. A súa presentación permitirá incorporar unha perspectiva fundamentada ao debate sobre a evolución e as necesidades da industria galega da comunicación.

A xornada continuará coa mesa redonda «O pulso do sector», que reunirá representantes dalgunhas das principais organizacións profesionais dos ámbitos da comunicación, a publicidade, o márketing e os eventos.

O programa incluirá tamén a presentación do Informe de competitividade da comunicación

No encontro participarán Pepe Cabanas, presidente de Markea; Julián Abad, presidente de Creatividade Galega; Tesa Díaz-Faes, presidenta de Dircom Galicia; e Marta Guimaraens, vicepresidenta de OPC Galicia. O debate estará moderado por Domingo Torrón, vicepresidente do Clúster da Comunicación de Galicia.

A conversa permitirá poñer en común diferentes perspectivas sobre a realidade actual do sector e abordar as cuestións que marcarán a súa evolución nos vindeiros anos.

A participación do sector, eixo do encontro

Tras a mesa redonda e unha pausa para o café, que servirá tamén como espazo de networking entre as persoas asistentes, desenvolveranse as catro mesas de traballo. A xornada concluirá cunha posta en común das principais conclusións, na que participará a Xunta Directiva do Clúster.

Esta última sesión permitirá recompilar as necesidades e propostas identificadas durante o foro e abordar os seguintes pasos para trasladar as reflexións a futuras iniciativas da entidade.

A conversa permitirá poñer en común diferentes perspectivas sobre a realidade actual do sector

A convocatoria está aberta tanto a empresas e profesionais asociados ao Clúster como a persoas e organizacións que aínda non forman parte del. A participación require inscrición previa a través do formulario habilitado pola organización.

Fío é un proxecto cofinanciado polo Igape e conta coa colaboración de Markea, Creatividade Galega, Dircom Galicia e OPC Galicia.

Con este primeiro foro sectorial, o Clúster da Comunicación de Galicia propón un espazo de encontro para conectar os distintos axentes da industria, identificar desafíos compartidos e xerar propostas que contribúan a fortalecer a competitividade da comunicación galega.

Artículo anterior

Recados Carmen y Creatividade Galega llevan a Vigo la nueva exposición de Carlos Yuste

Siguiente artículo

Aceites Abril homenajea a los abuelos y abuelas de Galicia