
O certame, organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia, reunirá o 21 de novembro a creativos de todo o país
REDACCIÓN
O Teatro Jofre volverá ser o epicentro da creatividade galega o vindeiro 21 de novembro, coa celebración da X edición dos Premios Paraugas, organizados polo Clúster da Comunicación de Galicia. O certame, que recolle o mellor do sector da comunicación, o deseño, a publicidade e o márketing, repite sede en Ferrol por terceiro ano consecutivo.
O acto de presentación celebrouse este xoves na Casa do Concello coa presenza do alcalde, José Manuel Rey Varela; o presidente do Clúster da Comunicación, Alberto Garnil; e a directora-xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entidade patrocinadora dos galardóns.
Garnil destacou que chegar á décima edición “con 33 proxectos finalistas é a mellor mostra da forza creativa que está a vivir Galicia”. Pola súa banda, Rey Varela salientou que Ferrol volverá ser “a capital da industria e o punto de encontro das mellores empresas grazas a estes premios”, mentres que Méndez puxo en valor “a importancia de apoiar un evento que visibiliza o talento e a creatividade galega e contribúe a fortalecer a imaxe de Galicia como territorio innovador e referente de calidade”.
Máis de 250 candidaturas e 33 finalistas
Nesta edición presentáronse máis de 250 candidaturas de empresas e profesionais de toda Galicia, un número que, segundo Garnil, “reafirma o alto nivel e a capacidade innovadora do sector”. O xurado, presidido por Paz Comesaña, directora de Márketing de Bankinter, está composto por 14 profesionais de referencia dos ámbitos da comunicación, o deseño e a publicidade.
Nesta edición presentáronse máis de 250 candidaturas de empresas e profesionais de toda Galicia
Os 33 proxectos finalistas abranguen diversas categorías. Na categoría de Mellor Produción Gráfica, compiten Unha árbore de historias, de Gráficas Anduriña e Desoños para a Biblioteca de Galicia; Impresións de Castelao en Vigo, de Imprimeverde e Desoños; e Sempre libres e vivas, de Gráficas Anduriña para Uqui Permui.
Na categoría de Mellor Solución de Deseño foron seleccionados Branding Hoppers, de Tio Phil para o Grupo Aspasia; o proxecto Marca Betanzos, deseñado por Contorna, Besada, Failde BMJ Arquitectos e Nuria Carballo para o Concello de Betanzos; e o Rebranding da Cámara Mineira de Galicia, desenvolvido por Costa.
As ideas máis inspiradoras optan ao Premio á Mellor Idea Creativa, con La obra que nos faltaba, de Recados Carmen para Fnac; Paco & Lola, 20 aniversario, de Tio Phil; e Caldo para paella valenciana, de Imaxe para Estrella Galicia.
As ideas máis inspiradoras optan ao Premio á Mellor Idea Creativa
Pola súa parte, o Premio á Mellor Campaña Publicitaria decidirase entre Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC; Segue sen haber nada máis de Madrid ca non ser de Madrid, de Imaxe para Estrella Galicia; e Si quieres opositar no hay tiempo que perder, de Reclam para Centro de Estudios Oposiciones.

Un total de 17 premios
En Estratexia de Márketing, resultaron finalistas Estratexia de márketing de Ducati, de Recados Carmen; Krack nos Premios Féroz 2025, da área de branding de Krack; e de novo Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC. Na categoría de Acción de Branding, competirán Hermanas de Bruselas, de Salúdame Siempre para Río de Galicia; RIO1923. Raíces, Identidade, Orgullo, do Real Club Celta; e Acción de branding Paco & Lola, de Tio Phil.
Tamén aspiran ao Premio á Mellor Estratexia Global de Comunicación Activismo rural: un reto de la leche, de ATREVIA para o Grupo Lence; Voltarei: unha homenaxe á emigración galega, do Real Club Celta; e Birdmind, de Closet Comunicación.
Tamén aspiran ao Premio á Mellor Estratexia AGlobal de Comunicación Atrevia, o Real Club Celta e Closet Comunicación
O Premio á Estratexia máis Eficaz decidirase entre Quest for a job. O currículum convertido en videoxogo, de Antón Veiga; Todo es marketing, de Recados Carmen para ESIC; e O mellor agasallo da historia, do Real Club Celta.
No eido dos eventos, optan ao Premio ao Mellor Evento Profesional ou Corporativo 32ª Asamblea General Ordinaria da Asociación Iberoamericana de Ministerios Públicos, organizada por Corre Lola Corre para o Ministerio Fiscal de España; Atlantic Green Hub, de Ingenyus, Viratec e Aclima; e O Encontro, de efbs Grupo Educativo e CESUGA.
Como Mellor Evento Cultural, Gastronómico ou Musical, o xurado elixiu como finalistas Soundhood SON Estrella Galicia, de Imaxe; Festival Portamérica, de Esmerarte Industrias Creativas; e Vila do Libro Pontedeume 2025, de Cecubo Group, Vita Libris e Concello de Pontedeume.
Finalmente, na categoría de Novos Talentos, competirán GEN, de Zaineb Aga; Dirección creativa e identidade visual de Xara Fest 2025, de Alberto González; e Don’t wear it. Train it., de Bruno Veloso.
Recoñecementos honoríficos
Ademais das categorías competitivas, os Premios Paraugas inclúen varios recoñecementos honoríficos. O Premio Honorífico de Comunicación será para Santiago Rey Fernández-Latorre, quen foi presidente de La Voz de Galicia, pola súa contribución ao xornalismo galego, mentres que o Premio Honorífico de Creatividade recaerá en Marisa Guitián Martínez, fundadora da axencia Idea Creatividad y Comunicación.
O Premio Honorífico de Comunicación será para Santiago Rey Fernández-Latorre, e o Premio Honorífico de Creatividade recaerá en Marisa Guitián Martínez
O certame outorgará tamén o Premio Galicia Calidade, destinado a distinguir un anunciante, axencia ou proxecto revelación; o Premio ao Anunciante do Ano, que recoñece unha aposta sostida pola comunicación e o márketing; e o Premio Paraugas de Ouro —principal galardón do evento— e, por primeira vez, o Premio do Público, que permitirá a participación cidadá na elección dun dos recoñecementos.
Apoio institucional e empresarial
Estes premios non serían posibles sen o apoio dos patrocinadores e dos colaboradores que axudan a visibilizar o gran talento do sector, como son a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, Galicia Calidade, CESUGA, AVANT∑, PuntoGAL, TAC!, Raiola e Estrella Galicia. Os galardóns tamén contan co apoio de Atelier, Wise, Closet Comunicación, Miraveo, Servicios Gráficos, Creatividade Galega, Markea, Dircom Galicia e OPC Galicia.
Con esta décima edición, os Paraugas consolidan a súa traxectoria como a gran cita anual da comunicación e a creatividade galega, cunha proxección que sitúa a Galicia como un dos polos de referencia no panorama estatal.