Feiraco e a ilustración emerxente galega, xuntos para celebrar o Entroido

Imaxe: Feiraco

A empresa galega Feiraco colaborou con profesionais da ilustración para plasmar a súa particular visión dos diferentes tipos de Entroido en Galicia cun packaging exclusivo


REDACCIÓN


“Entroidos tan galegos coma nós”. Este é o lema para a celebración do Entroido por parte da empresa láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, con sede no concello de Ames. Como xa vén sendo costume, a empresa galega quere homenaxear un ano máis aos diferentes Entroidos polo medio do packaging e da ilustración.

Desta forma, as caixas de leite de Feiraco levan nestas datas unha imaxe moi particular, representando tres Entroidos moi singulares dentro da nosa xeografía: o Folión de Manzaneda, os Xenerais do Ulla e o Entroido de Cobres.

A aposta de Feiraco pola cultura galega acentúase nesta iniciativa, xa que contou con ilustradoras e ilustradores emerxentes para que presten a súa particular visión do Entroido galego.

O Folión de Manzaneda

As caixas de leite enteiro están dedicadas ao Foilón tradicional do Entroido de Manzaneda (Ourense). O son do folión, cos bombos, tambores, chocas e utensilios de labranza metálicos, enche todos os recunchos da localidade ourensá durante este peculiar pasarrúas, coa Mázcara como personaxe principal. Levan os seus característicos gorros con cintas de cores, destacando os seus saltos e danzas de orixe arcaico.

O ilustrador e deseñador gráfico Bernardo Paz (Ribeira, 1984) realizou unha proposta que transmite moito ritmo e musicalidade. “Esta experiencia permitiume afondar no folclore galego, nas tradicións que descoñecemos e neste Entroido en particular, do que me chamou a atención que é unha actividade social que reúne a todo o pobo, todo o mundo sae á rúa a agardar pola máscara, todos interactúan. Tratei de recoller esta idea do pobo en alerta, o estrondo dos tambores e das trompetas. Foi un proceso moi gratificante e unha magnífica plataforma para dar a coñecer o noso traballo a un público moi diverso”, remarca o ilustrador.

A aposta de Feiraco pola cultura galega acentúase nesta iniciativa, xa que contou con ilustradoras e ilustradores emerxentes

Os Xenerais do Ulla

As caixas de leite semidesnatado están dedicadas ao Entroido dos Xenerais do Ulla, Festa Declarada de Interese Turístico de Galicia. Celébrase en diferentes parroquias dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. A súa orixe está nos enfrontamentos armados que tiveron lugar na comarca ao longo do século XIX.

A vestimenta dos Xenerais evoca aos uniformes militares decimonónicos. Na cabeza levan un chamativo bicornio rematado en plumas. Montan cabalos nos que destaca un espello adornando a súa cabeza. Por parellas, realizan atranques, enfrontamentos dialécticos nos que se mofan de asuntos sociais de actualidade.

A ilustradora Sarai Lorenzo (Cangas, 1995), inspirada pola natureza e os contos populares, retratou desde o seu punto de vista este singular Entroido. Os Xenerais, as plumas e os cabalos son os elementos principais da súa ilustración, empregando a técnica da estampación en dixital. “Para min foi unha gran sorpresa que me seleccionaran para este proxecto, sobre todo tendo en conta que se trata dunha empresa grande e ademais galega, unha moi boa oportunidade. Estou empezando e fíxome moita ilusión que se fixaran en min, que nos dean este protagonismo aos ilustradores”, declarou.

O Entroido de Cobres

Nas caixas de leite desnatado está representado o Entroido de Cobres, que se celebra no concello pontevedrés de Vilaboa e está recoñecido como de Interese Turístico. As súas orixes remóntanse ao século XVII. Os seus personaxes principais son as Madamas e os Galáns, vestidos con coloridos traxes, cargados de xoias, cintas e abelorios, portando vistosos sombreiros.

Irene San Juan (A Coruña, 1981), dedicada á ilustración infantil e xuvenil, realiza as súas obras sobre un estilo naíf. Explica que lle gusta debuxar personaxes e persoas. “Buscaba algo tipo cómic, moi alegre, que tivera movemento, a través das cintas e as flores, cos sombreiros como protagonistas porque visualmente foi o que máis me chamou a atención deste Entroido. Paréceme xenial a idea de introducir a ilustración nun produto tan familiar como é o leite”, salientou a ilustradora.

Artículo anterior
Peliqueiros de Laza

Los peliqueiros de Laza, una muestra de artesanía tradicional

Siguiente artículo

Xabier Fortes: “A información non é un produto gratuíto”