Feiraco celebra o Entroido regalando paraugas para que a festa non pare

A campaña “No Entroido… Que a festa non pare!” está protagonizada por un gandeiro da cooperativa CLUN


ROCÍO MOARES


“No Entroido… Que a festa non pare!” é o claim da nova campaña da marca láctea Feiraco, integrada na cooperativa rural galega CLUN, para poñer en valor o Entroido tradicional galego e amosar o seu compromiso coa cultura e coas tradicións da nosa terra. Unha iniciativa protagonizada por Víctor, gandeiro da cooperativa CLUN, visible en todas as caixas de leite de Feiraco: natural, semidesnatado e desnatado.

Despois do éxito de anteriores iniciativas levadas a cabo por Feiraco, a marca recupera este regalo para os días de choiva na promoción que xira baixo a lenda “No Entroido… Que a festa non pare!”. Unha iniciativa  co obxectivo de que a choiva non sexa un impedimento para desfrutar do Entroido. Así, Feiraco sorteará 150 paraugas deseñados para a ocasión entre todas as persoas que merquen unha caixa de leite e participen na campaña. 

“En Feiraco, todo se decide no campo, como di a nosa última campaña. E un dos campos favoritos dos galegos son os campos da festa. Para que a festa no Entroido non pare pola choiva sortearemos moitos paraugas Feiraco”, apunta a directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey.

O 29 de febreiro é a data límite para participar nesta iniciativa do Entroido Feiraco

Como participar no sorteo

A iniciativa desenvolverase durante todo este mes de febreiro, sendo o último día para participar o 29 de febreiro. Poderán participar nela todas as persoas que compren unha caixa de leite Feiraco (enteiro, semidesnatado ou desnatado). Nestas caixas de leite edición especial Entroido figura un código QR para acceder ao formulario e participar no sorteo. Tras cubrir os datos do formulario, a persoa participante deberá achegar unha fotografía do recibo de compra da caixa de leite Feiraco.

Os gandeiros, protagonistas

Os gandeiros e gandeiras da cooperativa fanse co protagonismo unha vez máis nas accións realizadas pola marca, como forma de visibilizar ás persoas que están detrás da produción de alimentos como o leite, e que forman parte da maior cooperativa leiteira de Galicia: CLUN. Neste caso é Víctor o gandeiro protagonista da campaña de Entroido, sendo a imaxe principal de todas as caixas edición especial de Entroido.

Deste xeito, esta campaña é unha nova mostra do compromiso da empresa láctea coa cultura galega. Feiraco, integrada en CLUN, comparte os valores da Cooperativa Rural Galega e aposta pola galeguidade, o desenvolvemento rural e a economía social. 

Cooperativa de referencia

Feiraco é unha empresa láctea integrada en CLUN, cooperativa de referencia no sector agrogandeiro galego con 3.500 socios e cunha facturación de máis de 240 millóns de euros en vendas. O leite de Feiraco é 100% galego e de cooperativa, trátase dun produto sen intermediarios, coa cooperativa, formada por gandeiros, como única corporación detrás dos seus produtos lácteos.

Artículo anterior

Los CTP de Heidelberg celebran su 40 cumpleaños

Siguiente artículo

Galicia Fórum Gastronómico ya ha comercializado el 70% del espacio