Falarei, a distópica campaña de Feiraco para o Día das Letras Galegas

Recados Carmen asina a campaña da marca de leite Feiraco que pretende potenciar o uso do galego


MARÍA EIMIL


“Os últimos datos do censo do INE evidencian que, por vez primeira, o español superou ao galego como a lingua máis usada en Galicia e, ademais, case un 30% das e dos menores de 20 anos afirman non poder falar ‘nada’ en galego ou facelo ‘con dificultade’. Así explica a axencia Recados Carmen a campaña Falarei que deseñou para a marca de leite Feiraco con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ó escritor e intelectual de Lourenzá, Francisco Fernández del Riego.

Para facer fronte a este reto, a axencia optou por unha proposta innovadora e unha creatividade 360 que puxera o foco nunha solución optimista –o movemento Falarei– ao problema que atravesa o galego. Deste xeito, aplicou a estratexia e as relacións públicas para definir e amplificar a mensaxe cun sinxelo xesto: poñer uns lentes de sol. O movemento chegou ás aulas, aos supermercados, ás redes e á televisión.

A axencia optou por unha proposta innovadora e unha creatividade 360

Recados Carmen tirou de galeguidade e cun ton divertido e sorprendente presentou a unha vaca que chega do futuro cunha misión e unha mensaxe para todos e plantexou que Falarei é a forma de evitar “un mañá distópico no que habiten máis vacas que galegofalantes en Galicia”.

Carteis, vídeos e concursos

En colaboración co equipo de Marketing de Feiraco, a campaña xirou sobre varios eixos. En primeiro lugar, a creatividade dunha vaca do futuro con lentes de sol, adaptada ás caixas de leite de Feiraco (que remiten á web a través dun código QR) e tamén ao vídeo para redes que ilustra o desembarco da nosa protagonista nun prado galego para lanzarnos a súa mensaxe sobre o mañá da nosa lingua.

Doutra banda, Recados Carmen creou unha landing na que conviven titulares reais sobre o uso decrecente do galego con outros ficticios, situados no futuro distópico, para abrir unha vía optimista coa que cambiar esta historia mediante unha chamada á acción: “Queres axudar a mudar estes titulares do futuro?”. Na páxina web tamén se pode atopar un vídeo que explica a dinámica do movemento Falarei e anima aos usuarios a coller as lentes ou empregar o filtro de Instagram e subir un vídeo ás redes sociais dicindo: “Eu falarei”. Deste xeito poderán optar a unhas gafas de sol de balde.

Xa son máis de mil persoas as que coñecen o movemento Falarei. Ademais de presentadores como Xosé Ramón Gayoso e Roberto Vilar sumáronse tamén Lucía Rodríguez e influencers como Laura Franco e Esther Estévez, coñecida por presentar o espazo “Dígocho eu” da Televisión de Galicia.


A proposta de Falarei tamén saltou ás rúas e a láctea presentou a campaña do Día das Letras Galegas e mailo certame de relatos Falarei nas Aulas xunto a Esther Estévez o pasado mércores no IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

Un certame de relatos ata o 9 de xuño

Segundo explican dende Recados Carmen, o movemento Falarei busca a concienciación de toda a sociedade sobre o futuro que lle espera ao galego de non mudar as tendencias actuais de uso. E para cambiar a dinámica é fundamental a implicación, tamén na escrita, das novas xeracións. Por iso, a campaña chegou aos centros educativos galegos da man da Xunta de Galicia coa posta en marcha dun Certame de relatos breves para o alumnado de entre 5º de primaria e 2º da ESO.

O movemento Falarei busca a concienciación de toda a sociedade sobre o futuro que lle espera ao galego

O concurso, que continúa aberto ata o 9 de xuño, invita ao estudantado galego a imaxinar e escribir un texto breve cun único condicionante: que a historia aconteza na Galicia do futuro. A iniciativa casa ademais coa literatura de Fernández del Riego, quen nunha entrevista afirmara: “soño unha Galicia ideal que no meu tempo non se realizou, pero que pode realizarse no futuro”. As bases do certame de Feiraco, no marco do movemento Falarei, contemplan numerosos premios para fomentar a participación, a sensibilización e a creatividade do alumnado galego, desde estoxos e cadernos ata mochilas e unha excursión a unha granxa.

Artículo anterior
Creatividade

El mundo de la creatividad gallega se reunirá en junio

Siguiente artículo
Redegal Programa Piloto APTC

Redegal se prepara para dar un paso más en la analítica de clientes