Profesionais do ecommerce compartirán as súas experiencias e aprendizaxes para converter os erros en claves de éxito
REDACCIÓN
O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) converterase mañá no escenario dunha xornada única para os profesionais do eCommerce e do marketing dixital enmarcada na terceira edición de «Erros e Aprendizaxes».
Este evento, organizado co obxectivo de compartir experiencias reais, permitirá aos asistentes coñecer de primeira man como os erros cometidos no ámbito dixital se poden transformar en valiosas oportunidades de aprendizaxe. Ao longo do día, expertos de diferentes sectores compartirán as súas vivencias e ensinanzas adquiridas tras superar obstáculos e desafíos nas súas traxectorias profesionais.
A xornada comezará coa presentación oficial do Clúster Ecommerce a cargo de Xosé Luis Reza, presidente do Clúster do Ecommerce Galego, que falará sobre a importancia da colaboración na industria. Despois del, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, intervirá para destacar a relevancia da innovación e o aprendizaxe na dixitalización dos negocios galegos.
O evento permitirá coñecer como os erros cometidos no ámbito dixital se poden transformar en valiosas oportunidades de aprendizaxe
O programa continuará con diversas ponencias nas que os ponentes compartirán as súas experiencias e aprendizaxes. Entre os primeiros en intervir estará a responsable de Marketing e Comunicación de Granxa de Xanceda, Sara Torreiro, que falará sobre os erros e aprendizaxes da empresa. Yago Fernández, responsable de Marketing e eCommerce en Cero de Costa, e Iván Expósito, responsable de atención ao cliente e xestión de equipos en Dinahosting, tamén compartirán as súas experiencias e como converteron os erros nunha fonte de crecemento.
Unha das ponencias destacadas será a de Alfonso Martínez, que abordará o tema da accesibilidade web, amosando como a inclusión pode ser unha oportunidade para mellorar a experiencia de usuario e, ao mesmo tempo, xerar máis valor para o negocio.
Casos de éxito
A xornada tamén contará con intervencións de empresas que lograron superar grandes desafíos no mundo dixital. Entre eles, o subdirector comercial de Correos, Miguel Ángel Vilariño Fuentes, ofrecerá a súa perspectiva sobre como aprender dos erros, mentres que o fundador de Ecoballution, Carlos Martínez, falará sobre como xestionar e transformar os fallos na súa empresa. Rodrigo Varela, Ecommerce Manager en El Amasadero, compartirá como as súas experiencias lle permitiron optimizar o seu negocio online.
Outro tema relevante será a ponencia de Carla García, de Motive.co, que profundará en como transformar a experiencia de compra e optimizar o proceso de busca para mellorar a conversión e satisfacción do cliente.
A xornada tamén contará con intervencións de empresas que lograron superar grandes desafíos no mundo dixital
O evento tamén dedicará un espazo a empresas innovadoras como Pets & Vets, con Lorena García, a súa fundadora e CEO, que explicará como xestionaron os seus propios erros para impulsar o seu negocio. Ademais, Josep Casas, CEO de Food for Joe, ofrecerá unha entrevista na que se profundará na súa experiencia e nos aprendizaxes que obtivo ao longo dos anos.
Ao finalizar as ponencias, os asistentes poderán disfrutar dun almorzo de networking, unha excelente oportunidade para compartir ideas, conectar con outros profesionais do sector e crear sinerxías que poidan ser clave para o crecemento dos seus proxectos.
«Erros e Aprendizaxes» está pensada para directivos, emprendedores, responsables de marketing e profesionais do eCommerce que busquen aprender dos erros alleos e aplicar estes aprendizaxes nos seus propios proxectos.