O Encontro de Artistas Novos EAN15 reúne na Cidade da Cultura a 40 creadores

Foto: Xunta de Galicia.

Nas 15 edicións do encontro participaron máis de 800 artistas, consolidándose como unha das citas de referencia da creación contemporánea da Península


REDACCIÓN


A Cidade da Cultura acolle dende o luns 25 de agosto ata o xoves día 28 a 40 creadores que participan no XV Encontro de Artistas Novos EAN15, consolidado foro da arte contemporánea onde presentarán os seus traballos e terán a oportunidade de intercambiar coñecementos e experiencias con outras figuras emerxentes e tamén consolidadas.

Impulsado pola Xunta de Galicia co apoio da Fundación Banco Sabadell, este encontro forma parte da programación da Cidade da Cultura dende os seus inicios, en 2011. Durante este tempo, participaron nesta proposta máis de 800 artistas, entre eles, figuras como Nuria Güell, Jorge Perianes, Lois Patiño, Eva Díez ou Jesús Madriñán, que acadaron un recoñecemento destacado no panorama galego e nacional.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, referiuse ao encontro como “un dos piares da programación do Gaiás co que, dende hai xa 15 edicións, a Xunta de Galicia vén reafirmando anualmente o seu compromiso e apoio ao talento emerxente”. Ademais, esta iniciativa converte á Cidade da Cultura “nun gran foro aberto ás novas tendencias da vangarda artística”, segundo indicou o conselleiro.

O acto de apertura contou tamén coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; do director de Sabadell Profesional Galicia de Banco Sabadell, Fernando Vieiro Barreiro; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; e do director do EAN, Rafael Doctor Roncero.

Convocatoria de intervención artística

O Encontro de Artistas Novos ofrece tamén a posibilidade aos novos talentos participantes de propoñer unha intervención artística non convencional para ser exhibida na Cidade da Cultura o vindeiro ano. Como novidade, esta convocatoria –que normalmente se restrinxía ás Torres Hejduk do Gaiás– ábrese a novos espazos e propostas creativas, que inclúen tamén as zonas verdes e os espazos exteriores ao carón do Museo Gaiás.

Os novos talentos participan no encontro ata o vindeiro xoves 28 de agosto e terán a oportunidade de aprender de figuras consolidadas

Relatorios do EAN15

O programa do EAN15 inclúe cinco relatorios de destacados creadores do panorama nacional como a artista plástica Ana de Alvear, encargada da conferencia inaugural do encontro. As súas pinturas hiperrealistas, realizadas minuciosamente con lapis de cores, foron exhibidas en museos de ciencias naturais e centros botánicos de toda España, e dende 1997 colabora con compositores de música contemporánea en producións de vangarda que se estrearon no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid, entre outros.

Tamén participará como relatora no EAN a pintora Juana González, que este ano foi recoñecida en ARCO Madrid como mellor artista española nos premios outorgados pola revista especializada Artepuntoes (editada polo Instituto de Arte Contemporáneo) ao tempo que Ana de Alvear logrou tamén unha mención espacial na mesma categoría.

A actividade ofrece a oportunidade de propoñer unha intervención artística para ser exhibida na Cidade da Cultura o vindeiro ano

O XV Encontro de Artistas Novos EAN15 contará ademais coa creadora visual, autora e doutora en Filosofía, Jana Leo, que en 2024 publicou o libro Mamá está muerta, pero la vamos a curar, unha obra nacida da análise dos casos de 132 mulleres asasinadas en Madrid a mans das súas parellas ou exparellas homes, ilustrándoos de xeito arrepiante e conmovedor.

Completan os nomes consolidados desta edición o muralista galego Yoseba MP, recoñecido polas súas obras en gran formato representando a mulleres maiores de zonas rurais como auténticas heroínas, e Sergio Marey, que regresa ao EAN para compartir o seu proceso creativo tras participar no encontro na edición de 2020 como figura emerxente.

A comisaria e xestora cultural Sara Donoso, o artista e comisario Eduardo Díaz Valiña, o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola, o xornalista e xestor cultural Martín Moniche e o docente e comunicador Rubén Alves, participan tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos dende o eido da divulgación.

Artículo anterior

Heidelberg y Gallus presentan sus nuevas soluciones en Labelexpo 2025

Siguiente artículo

Más de una veintena de jóvenes de Galicia y Portugal recorren el Camino de Santiago con el programa Pegadas