
Directivos e profesionais do sector compartirán en Palexco experiencias reais, decisións erradas e as aprendizaxes que afianzaron os seus proxectos
REDACCIÓN
O Clúster do Ecommerce Galego e a Deputación da Coruña organizan este xoves, 12 de marzo, en Palexco unha nova edición de “Erros x Aprendizaxes”, un encontro profesional que busca poñer o foco nos erros cometidos no ámbito empresarial e, especialmente, no comercio electrónico, como parte esencial do proceso de crecemento.
A xornada comezará coa inauguración institucional a cargo de Xosé Regueira. O evento reunirá a profesionais e empresas do ecosistema dixital que compartirán experiencias reais sobre decisións equivocadas, proxectos que non saíron como se esperaba e as aprendizaxes que permitiron transformar esas situacións en oportunidades de mellora.
O evento reunirá a profesionais e empresas do ecosistema dixital que compartirán experiencias reais
Nun contexto no que os relatos empresariais adoitan centrarse unicamente nos éxitos, Erros x Aprendizaxes aposta por un formato aberto, honesto e inspirador. O encontro pretende ofrecer unha visión máis realista do emprendemento e da innovación, abordando estratexias que non funcionaron á primeira e procesos de aprendizaxe que acabaron fortalecendo os modelos de negocio.
Experiencias de empresas do ecosistema ecommerce
A xornada reunirá directivos e responsables de diferentes compañías que explicarán en primeira persoa como transformaron erros en oportunidades de innovación e crecemento.
Entre as empresas participantes atópase Par & Escala, marca de moda feminina fundada por Iara Viñuelas, que abrirá o bloque de conferencias compartindo a súa experiencia emprendedora.
Erros x Aprendizaxes aposta por un formato aberto, honesto e inspirador
Tamén participará Yo pongo el hielo, da man do seu ex-CMO e fundador Yago González, quen explicará a evolución dun modelo de negocio singular cunha forte aposta pola innovación.
O sector turístico estará representado por Alda Hotels, coa intervención de María Domínguez, nun exemplo de crecemento hoteleiro galego e profesionalización do ecommerce.
Pola súa banda, Heimat Atlántica, unha marca que conecta tradición e modernidade a través da arte e do deseño, contará coa participación da súa COO, María Ferrer.
Outra das intervencións será a de Joyerías Calvo, representada por Marta Calvo García, Marketing & Event Manager da firma, que explicará a evolución do modelo comercial dunha empresa con longa traxectoria.
A nova realidade do comercio electrónico
O encontro tamén incluirá unha entrevista a Marcos Cardero, cofundador de Cultura Urbana, unha tenda referente de streetwear e sneakers cunha forte presenza no comercio electrónico.
Ademais, participarán representantes de empresas tecnolóxicas e de servizos vinculados ao ecosistema dixital
Ademais, participarán representantes de empresas tecnolóxicas e de servizos vinculados ao ecosistema dixital como Dinahosting, coa intervención do responsable de Atención ao Cliente Iván Expósito, e Smartclick, representada polo seu SEO Manager e director de proxectos dixitais Sergio Castelo.
O programa complétase coa participación do bufete galego Pintos & Salgado, cuxo socio director, Víctor Salgado Seguín, achegará a súa visión desde o ámbito legal e empresarial.
A xornada está dirixida tanto a profesionais como a empresas vinculadas ao comercio electrónico e ao entorno dixital e empresarial en xeral. A asistencia é gratuíta, previa inscrición, e o programa completo pode consultarse a través da páxina web da organización.