
O Gaiás despide o seu ciclo deste verán con electrónica, rap e música urbana do mércores 12 ao venres 14 de agosto
REDACCIÓN
A programación de ‘Atardecer no Gaiás 2026’ afronta esta semana as súas últimas tres citas do verán na Cidade da Cultura. A axenda comeza o mércores 12 de agosto coa electrónica de Galician Army, continúa o xoves coa segunda edición do Atardecer Fest e remata o venres coa proposta de electropop de Turista Sueca. Todos os concertos son de acceso gratuíto e terán lugar na Praza central da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Electrónica para acompañar a eclipse
O primeiro concerto coincidirá coa eclipse total de Sol do 12 de agosto. O dúo lucense Galician Army, formado por Alberto Prado e Sergio Vallejo, será o encargado de poñer banda sonora á xornada astronómica cunha proposta que combina sintetizadores, estética retro e música de club con referencias á tradición galega.
A formación, que ten traballado con artistas como Tanxugueiras, Grande Amore e The Rapants, presentará no Gaiás temas do seu primeiro álbum de estudo, Valuria. O concerto está previsto para as 21.00 horas na Praza central da Cidade da Cultura. Para seguir a eclipse desde este espazo, tamén está previsto o reparto gratuíto de lentes protectoras a partir das 18.30 horas ata esgotar existencias.
Tres voces da música urbana
O xoves 13 chegará a quenda do Atardecer Fest, que reunirá tres nomes da escena urbana: Israel B, Santa Salut e Silee. O artista emerxente galego Silee, procedente de Bueu, será un dos encargados de abrir a xornada cunha proposta que combina trap, ritmos latinos e referencias tradicionais. O seu tema Milajros de Amil contribuíu a situar o artista entre as novas voces da escena urbana galega.
Galician Army ofrecerá un set de electrónica con alma galega para poñer banda sonora á tarde máxica da eclipse solar
A catalá Santa Salut tomará despois o escenario cunha proposta vinculada ao hip hop revolucionario e feminista e ao rap, con influencias das décadas dos 80, 90 e 2000 e letras marcadas pola crítica social.
O peche da xornada correrá a cargo de Israel B, un dos nomes consolidados do rap madrileño. Vinculado inicialmente ao grupo Takers, iniciou a súa carreira en solitario en 2018 e gañou popularidade con traballos como YYANOSE e Tranquilísimo, este último xunto a C. Tangana.
Turista Sueca pon o peche
O peche de Atardecer no Gaiás será o venres 14 de agosto con Turista Sueca, trío nacido en Barcelona e con raíces en Galicia, Euskadi e Andalucía. A súa proposta combina electropop, electrónica e actitude punk, cun directo no que se mesturan baile, humor e crítica. No Gaiás presentarán os temas do seu LP debut, Síndrome de Estocolmo, cun directo explosivo e letras que transforman o cotián en crítica cargada de humor.
Con esta actuación concluirá ‘Atardecer no Gaiás 2026’, un ciclo que durante o verán levou á Praza central da Cidade da Cultura propostas de diferentes xéneros musicais.
Atardecer no Gaiás é unha das máis de 3.600 propostas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, que leva actividades de música, artes escénicas e exposicións a máis de 200 localidades galegas. O ciclo conta este ano tamén co apoio da Cervezas Alhambra reafirmando o seu compromiso coas experiencias que convidan a gozar sen présa.