Divulgación científica en galego en Twitch da man de PuntoGal e Balea Vermella

PuntoGal patrocinará os directos semanais do programa Balea Vermella en Twitch

A nova tempada dos directos en Twitch de Balea Vermella contará co apoio de PuntoGal, grazas á sinatura dun convenio de colaboración polo que o dominio patrocinará os directos que semanalmente realizan Javier Balea e Iria Veiga arredor da divulgación científica en galego.

Balea Vermella é un programa con seis meses de vida, dispoñible en YouTube e iVoox, no que xa se abordaron temas como a emerxencia climática, as superbacterias ou a observación astronómica. Os directos poden seguirse desde twitch.tv/baleavermella.

Na súa nova tempada, Balea Vermella quere continuar coa fórmula da anterior e seguir conversando con figuras destacadas da investigación e da divulgación no noso país. Como novidade haberá seccións sobre diferentes temáticas nas que participarán varios divulgadores que terán un espazo como colaboradores do directo.

A este respecto, Javier Balea, un dos creadores do formato, explica que unha das ideas principais tamén será seguir creando sinerxías coas compañeiras de «Ecos de Xigantes» e «Ciencia e tal» para que a divulgación da ciencia en galego no Twitch medre cada vez máis.

PuntoGal engloba esta colaboración dentro do seu programa corporativo de apoio a iniciativas do ámbito da lingua, da cultura ou da tecnoloxía, na que tamén figuran o premio Spin-Off PuntoGal, o apoio ao podcast Café Derby, a colaboración con Vinte en temas de Internet ou o certame de microrrelatos coa RAG, entre outras actividades.

“Balea Vermella favorece o coñecemento científico e emprega novas plataformas de contido onde é moi necesaria a presencia do noso idioma”, sinala o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro

Ciencia en galego tamén nas novas plataformas

O director xeral do dominio, Darío Janeiro, afirma que estas accións “forman parte do ADN de PuntoGal. No ámbito das nosas posibilidades, PuntoGal apoia proxectos de moi distinto tipo pero que teñen un denominador común: a súa aportación á comunidade e o uso normalizador do idioma”. Nese sentido, “Balea Vermella cumpre non só con eses obxectivos, senón que tamén favorece o coñecemento científico e emprega novas plataformas de contido onde é moi necesaria a presencia do noso idioma”, engade.

PuntoGal é a entidade que xestiona o dominio de internet “.gal”. Na actualidade conta máis de 6.000 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.

Artículo anterior
Lucía González

Lucía González: “Nuestro objetivo es ayudar a que las pymes y micropymes puedan digitalizarse”

Siguiente artículo
Covid-19

A Covid-19 provoca unha evolución no comportamento dos consumidores