Esta iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), prevé mobilizar un total de 3 millóns de euros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente a convocatoria de DeseñaPeme, a primeira liña de axudas específicas para que as microempresas e pemes galegas poidan mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través da incorporación e da xestión do deseño estratéxico. A través desta convocatoria, que estivo aberta ata este luns 2 de agosto, apoiaranse uns 50 proxectos a través dun investimento público de 1,5 millóns de euros.
Esta nova iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), prevé mobilizar un total de 3 millóns de euros, dado que o cofinanciamento dos proxectos alcanza o 50% do seu orzamento total. Trátase da primeira actuación que se pon en marcha no marco do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 (DIFERENZA), presentado durante o IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, celebrado o 29 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol con motivo do Día Mundial do Deseño Industrial.
Microempresas e pemes
As destinatarias son as microempresas e pemes con domicilio social ou cun centro de traballo en Galicia. Todas elas puideron presentar proxectos aliñados coas prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) en tres modalidades concretas do deseño. En primeiro lugar, son subvencionables proxectos de deseño de produtos novos ou redeseño dos xa existentes. Tamén puideron presentarse proxectos para o deseño ou redeseño de servizos e experiencias. Por último, teñen cabida nesta liña de axudas os proxectos de deseño de marca e identidade corporativa que lle presten unha especial atención aos valores sustentables e innovadores.
O orzamento total subvencionable está comprendido entre os 10.000 e os 200.000 euros dependendo do tipo de proxecto de deseño, o que equivale a axudas entre 5.000 e 100.000 euros. Os custos subvencionables, ademais da subcontratación de servizos e outros conceptos relacionados co desenvolvemento dos proxectos, inclúen a contratación na empresa de profesionais posuidores dunha titulación de deseño ou de recoñecemento demostrable neste ámbito. Mediante estas axudas, a Xunta de Galicia quere contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas galegas.
II Premios Galicia de Innovación e Deseño
O Diario Oficial de Galicia (DOG) tamén publicou a segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño, cuxo prazo de presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o 13 de outubro. Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para recoñecer a destacada contribución de profesionais e empresas ao desenvolvemento económico e social en Galicia a través da innovación e do deseño.
O prazo de presentación de candidaturas á segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño permanecerá aberto ata o 13 de outubro
O procedemento de presentación de candidaturas ás seis categorías do certame é integramente dixital. Tres delas están especificamente dirixidas a recoñecer a aqueles profesionais e empresas galegas que teñen a innovación como un elemento clave para o desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial. A categoría de traxectoria innovadora recoñece a empresarios e profesionais cunha experiencia de alomenos 10 anos na que a innovación tivese un papel relevante. As categorías de gran empresa e pemes distinguen ás compañías cunha actividade innovadora destacada de alomenos 10 e cinco anos, respectivamente.
As outras tres categorías recoñecen aos profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e ás compañías que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como motor de innovación e competitividade. Un destes premios será para profesionais cunha traxectoria de 10 ou máis anos, outro para empresas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante unha década como mínimo e outro para deseñadores menores de 35 anos de idade e cunha traxectoria profesional inferior a 10 anos.