Daniel Pino: “A clave foi recoñecer perfectamente ao lector da revista”

Foto: Brais Lorenzo

Daniel Pino
Deseñador gráfico

“Este recoñecemento é algo importante porque simboliza o esforzo por manter viva as miñas inquedanzas creativas”


MARCOS NEBREDA


Da man de Daniel Pino saíu o redeseño da revista Tempos Novos, que lle valeu ser o gañador do Premio Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico na última edición. O traballo centrouse en mellorar a experiencia de lectura tendo en conta a tipoloxía de textos que se publican na revista.

Que supuxo este recoñecemento para ti e para Tempos Novos? Como deseñador, entendo o meu traballo desde unha perspectiva moi ampla. A miña actividade principal desenvólvoa en Finsa, empresa da industria da madeira, onde actualmente traballo en investigación e deseño de experiencia de cliente. Por outra banda, teño un pequeno proxecto chamado Faca Lab xunto a Sonia Gandasegui, ligado á tenda-taller Ratas con Faca. Neste contexto é onde desenvolvo o meu traballo máis persoal e tamén algúns proxectos de deseño editorial e branding como o de Tempos Novos. Este recoñecemento é algo importante porque simboliza o esforzo por manter viva as miñas inquedanzas creativas en ámbitos diversos do deseño.

Cales son las claves del rebranding da revista e como se desenvolveu o proxecto? Comecei a traballar con Tempos Novos hai seis anos, cando me propuxeron renovar a cabeceira da publicación, deseñada uns anos atrás por Grupo Revisión de Pepe Barro, Xosé Salgado e Lia Santana. A responsabilidade era moi grande e fixen un redeseño que funcionou como transición ao proxecto actual, que realicei a finais de 2021 coincidindo co 25 aniversario da publicación. A clave foi recoñecer perfectamente ao lector da revista, tanto ao consolidado como ao potencial. Todo o proxecto xira arredor de mellorar a experiencia de lectura tendo en conta a tipoloxía de textos que se publican. A partir de aquí o traballo centrouse na búsqueda dun tipo de letra que conectara de principio a fin a publicación.

Cales son os teus proxectos a medio prazo en canto a deseño gráfico? Estou traballando en dous proxectos de branding. O primeiro é un novo espazo gastronómico que abrirá as súas portas ao longo de 2023 na Coruña e o segundo a renovación da imaxe dunha adega das Rías Baixas.

“A maior parte dos meus referentes son galegos porque me sinto identificado con eles”

Como valoras a situación do sector en Galicia, que cambios percibiches e que retos e melloras quedan por facer? Voltei hai catro anos a Galicia despois de moito tempo fóra e funme conectando pouco a pouco cun sector profesional moi potente e inspirador. A maior parte dos meus referentes son galegos porque me sinto identificado con eles. Dende os proxectos máis grandes aos máis pequenos, o importante para min é o contacto e a proximidade. Podo aprender moito de grandes referentes internacionais, pero nada comparado cos que están máis achegados.

Que opinión che merecen os Premios Paraugas como punto de encontro do sector e recoñecemento do talento? Foi todo moi rápido, desde que se convocaron os premios ata que foi a gala, polo que asistín sen moitas expectativas. Sorprendeume atopar a un montón de colegas que non esperaba atopar. As disciplinas dilúense cada vez máis e iso obríganos a traballar aínda máis de forma colaborativa, para o que estes encontros son vitais.

Artículo anterior
Siete Olas

Melisa Pita: “Una comunicación directa y sincera con el cliente es clave para nosotros”

Siguiente artículo
Exposiciones Picasso

Más de cincuenta exposiciones de Picasso para visitar en el 50 aniversario de su muerte