O vindeiro xoves 26 de setembro terá lugar a xornada “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego” na Cidade da Cultura en Santiago
REDACCIÓN
O outono comeza cunha interesante cita dirixida aos profesionais, estudantes e entidades do ecosistema do deseño galego. Trátase da xornada “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego” que se celebrará o vindeiro xoves 26 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, no marco das actividades organizadas ao abeiro do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA da Xunta de Galicia, promovido a través da Axencia Galega de Innovación.
O obxectivo desta xornada é difundir casos prácticos de aplicación do deseño que poidan servir de inspiración ás entidades e empresas galegas de todos os sectores, facilitando novas vías de colaboración, á vez que se crean referentes para os estudantes das escolas de deseño.
Deste xeito, os asistentes poderán coñecer de primeira man varios casos de uso nos que se revela o potencial do deseño para favorecer a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sostibilidade e a accesibilidade, entre outros factores.
Cinco casos prácticos
Os relatores son Pepe Formoso, CEO e fundador do hotel Bela Fisterra, que falará sobre o protagonismo do deseño no seu proxecto hoteleiro; Cecilia Capelán, KAM e project manager en Siete Olas Comunicación, que explicará a implantación do deseño na empresa de repostería Fina Rei; o responsable de comunicación e márketing de Orballo, Óscar Torres, que detallará a importancia do deseño estratéxico e do packaging; o CEO e fundador de Porto-Muiños, Antonio Muiños, que abordará o desenvolvemento dunha innovadora liña de produtos con algas mariñas no eido da industria alimentaria; e o responsable de desenvolvemento de negocio e economía circular do ICSEM (Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa), Alejo Calatayud, que exporá o caso de éxito da empresa de xestión de refugallos Revertia.
Os asistentes poderán coñecer varios casos nos que se constata o potencial do deseño para favorecer a diferenciación, a funcionalidade ou a accesibilidade
Así, os representantes desta cinco empresas participantes explicarán as necesidades que orixinaron os seus proxectos, as colaboracións con profesionais do deseño para desenvolvelos, as dificultades que atoparon e como as afrontaron e os beneficios obtidos da aplicación dos seus resultados. As inscricións aínda están abertas.
Exposición de deseño galego
Ademais, no marco do programa DIFERENZA, acaba de inaugurarse a exposición Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico, que estará aberta ao público ata o 31 de outubro na Fundación DIDAC (Santiago de Compostela) de martes a venres (de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h) ou os sábados con cita previa.
Esta mostra é unha escolma do material da exposición coa que Galicia representou a España como país invitado na Porto Design Biennale 2023, co comisariado de David Barro. Nela trázase un percorrido por diversos referentes tanto actuais como históricos do deseño galego a través de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos.