Creafogar, o primeiro evento de interiorismo con ADN 100 % galego

Foto: Adobe Stock

Santiago de Compostela acollerá o espazo efémero de deseño, que abrirá as súas portas o 20 de setembro


REDACCIÓN


O espazo efémero Creafogar abrirá as portas o próximo 20 de setembro, e durante 20 días poderase visitar a exposición dos produtos e servizos de arquitectura e interiorismo de marcas, profesionais e artesáns galegos, como Idoia Cuesta, Grupo Ramón García, Tejas Verea, Terxy e Arturo Álvarez.

O evento nace coa idea de ser un referente do interiorismo en Galicia, vencellado coa cultura na súa programación de actividades. Nesta primeira edición o evento terá lugar nunha vivenda do centro de Santiago de Compostela con máis de 100 anos de historia no que as máis de 150 marcas participantes xa están a realizar as súas intervencións. 

Esta vivenda permanecerá coas súas portas abertas, para mostrar todo o deseño, mobiliario e demais produto do fogar feito en Galicia, dentro dun proxecto de interiorismo no que se somete á vivenda a unha renovación de imaxe na que se presenta por primeira vez, un fogar cun interiorismo puramente galego.

O evento terá lugar nunha vivenda do centro de Santiago de Compostela con máis de 100 anos de historia

As promotoras desta iniciativa son as interioristas de Denadeinteriores e Spacio-B, Almudena Rodríguez e Beatriz Barral, adscritas a Artesanía de Galicia, un proxecto no que levan a traballar máis de dous anos para poñer en valor a fabricación e artesanía galega, así como a recuperación de oficios e a visibilización da muller no sector. 

Así pois, o obxectivo será deseñar unha vivenda con produto galego, creando cadea de valor e promocionando sectores como o da industria, a construción, a tecnoloxía, a formación, os oficios tradicionais e as marcas artesás. 

Emprendemento feminino en Creafogar

Baixo o lema “As mulleres habitan e fan fogar”, farase unha programación especial onde fomentar o emprendemento feminino en sectores vinculados á construción. Neste sentido, o evento conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago de Compostela e a UDC – Woman Emprende, que estarán presentes dentro da programación que se realizará durante as xornadas expositivas.

Baixo o lema “As mulleres habitan e fan fogar”, farase unha programación especial onde fomentar o emprendemento feminino en sectores vinculados á construción

Pola súa parte, dende a Dirección Xeral da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Zeltia Lado está a apoiar aos centros formativos adscritos para a fabricación e exposición de produtos. O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) desenvolverá unha misión comercial inversa con empresas nacionais de arquitectura e interiorismo. Pola súa parte, as entidades Artesanía de Galicia darán apoio aos artesáns adscritos, mentres que Galicia Calidade contará cunha despensa das marcas de alimentación do selo.

Polo tanto, Creafogar promete ser un punto de encontro para todos aqueles interesados no deseño, a artesanía e a cultura galega, marcando un antes e un despois no panorama do interiorismo en Galicia.

Artículo anterior

Viñetas desde o Atlántico reedita o seu poder de convocatoria

Siguiente artículo

Marta Lluciá:“Me enorgullece haber contribuido a romper barreras en mi campo laboral”