O prazo remata o 4 de xullo e poden participar novos talentos, profesionais consolidados e tamén empresas galegas
REDACCIÓN
Novos deseñadores, profesionais xa consolidados, innovadores e empresas de pequena, mediana ou grande dimensión xa poden optar aos III Premios Galicia de Innovación e Deseño, convocados pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e que repartirán un total de 60.000 euros en premios nas distintas categorías, ademais doutros recoñecementos honoríficos.
O prazo para optar a estes galardóns, que este ano alcanzan a súa terceira edición, remata o 4 de xullo e as solicitudes presentaranse obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas, entre os seus obxectivos
Tanto no apartado de deseño como no de innovación haberá premios en tres categorías.
Os deseñadores e deseñadoras menores de 35 anos e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos poderán optar a categoría de talento emerxente, que ten un premio de 15.000 euros. O ano pasado o gañador foi Damián Calvo.
Co mesmo importe se premiará ao mellor profesional ou equipo cunha traxectoria de recoñecido prestixio e con polo menos dez anos no sector. O estudio Desescribir levou o galardón nesta categoría na edición de 2021.
Por último, as empresas consolidadas que incorporaran o deseño á súa estratexia empresarial ao longo de, como mínimo, a última década, poderán optar a un recoñecemento que, neste caso, terá un carácter honorífico (na pasada edición, o galardón foi para a empresa TMC Cancela).
15.000 euros por categoría
Ademais, no apartado de innovación tamén haberá premios e recoñecemento en cada unha das tres categorías:
O premio de 15.000 euros para a traxectoria innovadora está aberto a profesionais e líderes empresariais cunha experiencia profesional dun mínimo de dez anos na que a innovación fose unha das súas características relevantes. O ano pasado este premio foi para o catedrático Fernando Pérez.
As pemes cunha demostrada actividade innovadora durante un tempo mínimo de cinco anos tamén poderán optar a un premio de 15.000 euros que na edición anterior foi para Galchimia; mentres que as grandes empresas cunha actividade innovadora ao longo de, como mínimo, a última década, tamén poden aspirar a un recoñecemento honorífico que na última edición foi para Congalsa.
As solicitudes presentaranse obrigatoriomente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta
Con estes galardóns a Xunta de Galicia busca destacar as mellores prácticas para que sirvan de exemplo a todo o tecido empresarial galego, poñendo de relevo como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e, en definitiva, a calidade de vida das persoas.
Condicións dos III Premios Galicia de Innovación e Deseño
Algúns dos requisitos para participar son os seguintes:
- Que as persoas físicas naceran en Galicia e que as empresas teñan polo menos un establecemento permanente nesta comunidade autónoma.
- As candidaturas da categoría de talento emerxente na sección de deseño deberán contar, como mínimo, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio no ámbito de deseño.
- As bases desta convocatoria establecen tamén que un mesmo candidato poderá presentarse para unha ou varias categorías dos premios. Se queres ter máis información podes consultar aquí.