Do 24 de xuño ata o 17 de xullo, A Coruña será a sede do deseño galego con presentacións, obradoiros, exposicións e roteiros
REDACCIÓN
Este verán o deseño galego ten unha cita imprescindible. Dende o 24 de xuño e ata o próximo 17 de xullo, A Coruña é a sede do Galicia Design Week, un festival que ten como obxectivo dar a coñecer os mellores traballos de deseño feitos en Galicia xunto a grandes referentes nacionais. Esta iniciativa, organizada pola asociación Galicia Design e a axencia gráfica Follow, conta coa colaboración do Clúster da Comunicación de Galicia, a Asociación Galega de Deseño, COAG e DIDAC. Ademais, contan co apoio de diversas entidades patrocinadoras como o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, a propia Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, do Xacobeo 21·22 e coa colaboración da Axencia Galega de Innovación.
Esta iniciativa, que tivo a súa primeira edición no 2021, é unha celebración do deseño co obxectivo de achegalo ao gran público, fomentar a conexión e o intercambio da Coruña e Galicia co seu exterior e formar a novas xeracións, poñendo en valor o tecido profesional e o patrimonio cultural do sector.
Catro eixos diferenciados con entrada de balde
Durante todo o festival, o público poderá gozar (de forma gratuita) de catro eixos ben diferenciados: Pro, Showcase, Showroom e Camp; que mesturarán presentacións, obradoiros, roteiros, gastronomía, música, visuais e exposicións onde participarán algúns dos nomes máis relevantes na actualidade do deseño galego.
- Pro: conferencias e presentacións con profesionais de referencia do deseño en Galicia e a nivel nacional, ademais dun encontro organizado pola Asociación Galega do Deseño (DAG). Celebráronse o 24, 25 e 26 de xuño no espazo creativo do Studio Follow na Coruña. A maoires, neste eixo terá lugar o V Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, organizado pola Axencia Galega de Innovación, o mércores 29 de xuño no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol.
Este festival ten como obxectivo achegar o mundo do deseño ao gran público, ademais de establecer lazos de cooperación entre os profesionais do sector
- Showcase: neste eixo hai tres exposicións dedicadas ao deseño, abertas dende o 24 de xuño ata o 17 de xullo en Palexco. Nunha delas pódese admirar os traballos e traxectorias galegas premiadas en diferentes certames de prestixio internacional, baixo o nome de O mellor deseño galego do ano #omellordeseñodoano. No caso da exposición O futuro deseño galego #futurodeseñogalego,tamén en Palexco, os protagonistas son os mellores traballos das escolas públicas do deseño galego. A derradeira exposición ten lugar na Praza de Lugo, e conta cunha mostra do mellor talento emerxente da comunidade, sobre unha instalación deseñada polo estudio coruñés Flu-or, co nome de Novo deseño galego #novodeseñogalego.
As tres exposicións serán obxecto dunha visita guiada o xoves 30 de xuño, de 18:00 h a 20:00 h, finalizando en Palexco coa presentación do libro “Vivir del diseño” de Ana Gea, directora da revista Gràffica.
- Showroom: este eixo trata de elaborar un roteiro pola cidade da Coruña que permita visitar todos os estudios e espazos de deseño da cidade, ademais de elaborar un escaparate dixital de creacións de deseño galego, que se publica na web do festival.
- Camp: do 27 ao 30 de xuño terán lugar unha serie de obradoiros especializados dirixidos a estudantes avanzados e profesionais do sector, nas instalacións do Studio Follow. Entre as temáticas escollidas, está a renaturalización dos polígonos industriais, o streaming 360º, a relación obxecto-persoa e unha introducción ao branding.