Este encontro especializado no mundo da animación e as artes dixitais reunirá a máis de 1.200 profesionais do sector na cidade da Coruña, do 7 ao 9 de xullo
REDACCIÓN
O congreso internacional Mundos Digitales reunirá na Coruña, entre o 7 e o 9 de xullo, a máis de 1.200 profesionais do sector da animación, da comunicación audiovisual e dos contidos dixitais. A Xunta de Galicia apoia económicamente a organización da que será a vixésima edición deste evento sectorial de carácter global e participará activamente nel ao manter un expositor de información continuada.
Neste sentido, destacan proxectos novidosos como as medidas de impulso para o ámbito dos videoxogos e da creación de contidos dentro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, posto en marcha polo Goberno galego en 2021 co financiamento dos fondos Feder da Unión Europea a través do programa REACT.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou o mércores 6 de xullo na presentación deste congreso internacional xunto ao director de Mundos Digitales, Manuel Meijide, na que subliñou que apoiar Mundos Digitales, a maior feira de emprego deste sector e o máis potente congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media, coincide co obxectivo da Xunta de contribuír á vertebración e ao impulso do sector en Galicia”.
Galicia, terra de contidos dixitais
A colaboración con Mundos Digitales entronca coa decidida aposta por situar Galicia como referente na xeración de contidos a nivel global e fomentar tanto o emprego no ámbito dixital coma a competitividade tecnolóxica das empresas do sector. Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que a través do xa citado Hub, a Xunta lanzou un completo programa de apoio ás industrias culturais dotado con 9,6 millóns de euros para o período 2021-2023.
Dentro deste plan, que procura a recuperación económica do sector cultural e a estabilidade dos profesionais que traballan nel, inclúense a posta en marcha dun polo de aceleración para os videoxogos, liñas de axuda para o desenvolvemento de proxectos ou a realización dun mapeo para coñecer, en palabras do director, “a foto fixa do sector” e obter datos concretos sobre empresas en activo, persoal, infraestrutura ou financiamento.
Galardóns e feira de emprego
A vixésima edición de Mundos Digitales terá lugar no Palexco da Coruña, a partir do xoves 7 de xullo cun amplo programa de actividades que abranguerá presentacións, obradoiros, conferencias, masterclass impartidas por profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional. Ademais, ofreceránse proxeccións de diversas fitos innovadores desde o punto de vista dos efectos visuais. Ademais, terá lugar o Festival Internacional de Animación, certame de curtas non comerciais ao que concorren oito producións finalistas para acadar os premios de mellor curta e mellor curta nacional.
O artista británico Paul Franklin recibirá o Premio Especial Mundos Digitales 2022
Non serán os únicos galardóns que se entreguen no marco do congreso, xa que o cineasta e especialista de efectos visuais Paul Franklin recibirá o Premio Especial Mundos Digitales 2022. Este artista británico gañou dous premios Oscar polo seu traballo nas películas Origen e Interstellar, ambas as dúas dirixidas por Christopher Nolan, e ten traballado en multitude de grandes superproducións cinematográficas.
A Feira de Emprego, considerada a segunda en relevancia a nivel europeo, será outro dos grandes alicientes desta vixésima edición. Empresas e profesionais terán un punto de encontro para entrar en contacto, manter entrevistas e celebrar xuntanzas de traballo co duplo obxectivo de crear novas oportunidades laborais e de facilitar a captación de talento. Unha vintena de empresas, tanto estatais coma internacionais, participarán neste espazo de sinerxías que ofrece Mundos Digitales.