Cinco casos de éxito grazas á implantación do deseño

Foto: Xunta de Galicia.

‘Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego’, a xornada na que foron protagonistas o Hotel Bela Fisterra, Orballo, Fina Rei, Porto-Muiños e Revertia


REDACCIÓN


Un cento de persoas reuníronse o pasado xoves na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, para coñecer de primeira man a experiencia de cinco empresas que se están a beneficiar da incorporación do deseño como ferramenta de crecemento e competitividade. Foi durante a xornada “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego”, na que representantes de Orballo, Porto-Muiños, Fina Rei, Revertia e o Hotel Bela Fisterra expuxeron como están a potenciar factores como a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sostibilidade e a accesibilidade grazas á implantación do deseño nas súas estratexias empresariais.

Esta implantación está a ser posible en todos estes casos grazas ao apoio de DeseñaPeme, a liña específica de axudas da Xunta de Galicia promovida no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, a través da Axencia Galega de Innovación. Trátase dunha iniciativa pioneira en España, que consegue mobilizar o investimento en deseño das empresas e o seu retorno en forma de beneficios para a sociedade.

Da idea ao resultado: claves de éxito

Así, Pepe Formoso, propietario do Hotel Bela Fisterra, explicou que o deseño é un elemento central da súa diferenciación como único hotel literario de Galicia, sostible, inspirado no mar e consagrado ás artes. O seu próximo proxecto, co apoio do programa DeseñaPeme, é a Belissima Terraza, coa identidade visual de Xosé Teiga, a primeira colección de mobles de exterior de Isaac Piñeiro e a piscina deseñada por Creus e Carrasco.

Desde a axencia de comunicación Siete Olas, Javier Herranz presentou a nova liña de produtos de chocolate do obrador Fina Rei, deseñados por cinco escultores galegos. Cada deseño representa un momento importante da vida e o packaging inclúe unha cápsula do tempo para compartir coa familia. Esta nova liña de produtos, creada co apoio de DeseñaPeme, será presentada no mercado en outubro.

Grazas ao deseño, estas empresas potencian factores como a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sostibilidade e a accesibilidade

Pola súa banda, o responsable de márketing de Orballo, Óscar Torres, asegurou que o deseño é o vehículo idóneo para dotar aos seus produtos de valor engadido, o seu principal elemento diferencial. A súa forma de medir o impacto do deseño inclúe indicadores como o incremento nas vendas e na distribución, a mellora do recoñecemento de marca, a diferenciación, o aumento no catálogo de referencias e a mellora na usabilidade do envase.

Tamén desde o sector da alimentación, Manuela Buján, do equipo de I+D de Porto-Muiños, destacou o papel do deseño desde os inicios da empresa para dar a coñecer un produto que eran tan descoñecido no sector da alimentación como son as algas mariñas. A empresa prepara unha nova liña de produtos que supón unha diversificación da súa produción e que será presentada proximamente.

Por último, Juan Bastante, responsable comercial da empresa do sector medioambiental Revertia, expuxo o plan que están a executar grazas a DeseñaPeme con base na identidade corporativa, na estratexia de marca e no deseño de servizo. O proceso estalles a permitir mellorar as súas relacións coa clientela e desenvolver liñas de branding específicas para cada unha das súas liñas de servizo.

Artículo anterior

Luz verde para participar nos IX Premios Paraugas: o prazo de inscrición xa está aberto

Siguiente artículo

El Raiola Marketing Place 2024 bate récords de asistencia en su séptima edición