Chega aos cinemas ‘Unicorn Wars’, unha explosión colorida e sanguenta con acento galego

A nova longametraxe de animación do coruñés Alberto Vázquez, Unicorn Wars, chega ás salas tras conquistar á crítica en numerosos festivais internacionais


CARLOS B. TORRADO


Honor, dor e mecos! Este é o lema do Campamento Corazón, un centro de adestramento militar onde os osiños amorosos deben aprender a asasinar aos seus inimigos na guerra para conquistar o Bosque Máxico: os unicornios. Esta é a impactante premisa de Unicorn Wars, a nova longametraxe de animación de Alberto Vázquez, director de animación, ilustrador e debuxante de comics coruñés.

Tras gañar tres premios Goya (dous polos seus cortos de animación Decorado e Birdboy e outro pola súa primeira película, Psiconautas); o director coruñés vén de presentar o seu novo filme en festivais de gran calado internacional como Sitges ou Annecy, onde triunfou entre a crítica especializada.

Unicorn Wars mostra unha oscura sátira antibelicista, chea de cor, sangue, violencia e humor negro

Este xoves (que, por outra parte, foi o aniversario do director); tivo lugar a presentación da película na sede da Filmoteca de Galicia, onde o realizador coruñés será obxecto dunha retrospectiva coa proxección do filme Psiconautas (2017) este venres 14 de outubro ás 20:30 h. Ademais, tamén poderán visionarse as súas curtametraxes Birdboy, Decorado e Homeless Home o martes 18 de outubro ás 16:00 h.

Presentación da película na Filmoteca de Galicia. Imaxe: Abano Producións

Produción con acento galego

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou neste encontro de presentación de Unicorn Wars en representación da Xunta de Galicia, que subvenciona a película cunha achega de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de axudas para producións e coproducións audiovisuais de 2020. Neste caso, a adxudicataria foi a compañía galega Abano Producións para levar a cabo esta coprodución internacional xunto coa vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit e Schmuby.

A película, que na súa preestrea ante medios proxectouse en versión orixinal en galego, é unha mostra da importante industria da animación galega que persoas como Alberto Vázquez e Abano Producións están axudando a dar a coñecer alén das nosas fronteiras.

Unicorn Wars mostra unha oscura sátira antibelicista, chea de cor, sangue, violencia e humor negro que mostra o gran interese do realizador coruñés polo cine bélico, con referencias á Chaqueta Metálica (1987), Apocalypse Now (1979) e Senderos de Gloria (1957). A película complétase con dous protagonistas enfrentados, Azuliño e Gordi, dous irmáns que representan aspectos totalmente opostos do ser humano, a bondade e a máis pura maldade.

Vázquez non deixa ningún pao sen tocar, e a película tamén lanza unha afiada crítica á relixión mentres mostra escenarios belísimos cheos de cor que recordan ao Disney clásico, pero que non tardan en convertirse nun pesadelo para as súas personaxes infantilizadas.

A posta en escea da película impresiona, polo ambicioso do seu enfoque (é froito do traballo de máis de 200 persoas) e por mostrar unha calidade de altísimo nivel. Ademais, a película tamén é notable no aspecto técnico, xa que se trata da primeira longametraxe de animación feita 100% por Blender.

Estrea en cinemas

A película poderá verse nas salas comerciais a partir do 21 de outubro e xa apunta cara os premios Goya de animación do próximo ano. Unha data imperdible para os amantes da animación e da comunicación, xa que a promoción da película, polo seu carácter irreverente e provocador, está causando un movemento considerable en redes sociais.

Apostando polo factor transmedia, o equipo de comunicación tamén lanzou un videoxogo gratuíto para móviles, coa intención de dar a coñecer a película antes do seu lanzamento comercial. Pode descargarse a través de Google Play.

Artículo anterior

Paradores consigue un premio de Control de Publicidad por su campaña 'Vuelve a soñar'

Siguiente artículo

Canon apuesta por la fabricación de chips en su país natal