Ricardo Tubío: “O que marca a diferenza nas empresas son as persoas, non a tecnoloxía”

Foto: Mero Barral

Ricardo Tubío
Deseñador e socio fundador de Cenlitros

“O que pretende o traballo é a aposta polo deseño dunha tipografía corporativa como elemento condutor”


PAULA RAMOS


Ricardo Tubío é un dos socios fundadores do estudio Cenlitros, gañador, xunto con Marcos Dopico, do Paraugas ao Mellor Deseño Gráfico 2023 polo rediseño de marca de Mobalco. Unha viaxe á orixe da empresa, un pequeno taller de carpintería tradicional, a través dun elemento: a tipografía.

Os Paraugas recoñeceron o voso traballo no rediseño da identidade corporativa de Mobalco. Cal foi a clave do éxito do proceso? Non sei se foi éxito ou non, non debemos de ser nós quen o diga. O que pretende o traballo é a aposta polo deseño dunha tipografía corporativa como elemento condutor, como fío que vai unindo todas as aplicacións de marca. É realmente a tipografía a que transmite eses valores de artesanía, de coñecemento do material, de saber facer que ten unha profesión como a de carpinteiro, que realmente é a orixe da empresa. Digamos que a imaxe corporativa o que pretende é recuperar esa orixe artesanal da firma e converter iso nun factor diferenciador e exclusivo de marca. Todo iso a través da tipografía, xa que practicamente non hai ningún recurso gráfico a maiores. 

Que valores de marca se mantiveron co rediseño e que conceptos novos naceron? Nunha época na que todo o mundo aspira a ser grande, a crecer en todos os sentidos, buscar a diferenciación no valor de ser pequeno; ser pequeno no sentido de que cando eres pequeno, eres flexible, tes un producto máis a medida, máis coidado. Digamos que todos eses factores que pode ter unha estrutura de menor tamaño, entendiamos que iso era realmente o importante, non entrar nunha guerra de volumes. Apostamos, a nivel de imaxe, por atender a valores de exclusividade, diferenciación e dun producto moi coidado. Respecto aos novos conceptos, intentouse reforzar a idea do saber facer das persoas. Ás veces o que marca a diferenza nas empresas e o saber facer son as persoas, non é a tecnoloxía. Entón ese factor humano tamén o intentamos imprimir, intentamos que estivera presente. Ese saber facer herdado, que se vai transmitindo. Unha estratexia de mirar atrás e non perder o que xa tiñan, e sobre todo non intentar incorporar valores efémeros. 

“É realmente a tipografía a que transmite eses valores de artesanía, de coñecemento do material, de saber facer que ten unha profesión como a de carpinteiro, que realmente é a orixe da empresa”

Marcos Dopico foi o encargado de deseñar a tipografía, un elemento de gran importancia neste proxecto. Como se atopa a tipografía que representa xusto o que buscas? Neste caso había unha circunstancia moi particular, e é que Marcos é fillo dun carpinteiro. Este traballo tocáballe moito na fibra sensible e, ademais, tiña un coñecemento do medio superior. Entón, sabía onde a tipografía e a carpintería tiñan puntos de intersección. A nivel formal, o contorno de varios caracteres está facetado evocando dalgunha maneira á linguaxe da madeira nese primeiro proceso de desbaste da aproximación formal á forma definitiva. É a linguaxe que el identificou no mundo da carpintería e que entendeu que era extrapolable ao mundo da tipografía. Non é fácil chegar a esa conclusión. Neste caso Marcos Dopico era a persoa ideal para facer este traballo. A maiores tamén hai, a nivel formal, un punto orgánico que vincula á sostibilidade e a ese coñecemento do material e, sobre todo, ao compromiso co medio ambiente. 

Que supón para vós recibir este premio? Para nós é un galardón moi importante, porque recoñece o noso traballo dentro dun ecosistema de empresas que para nós son moi importantes, porque son o noso día a día. Nos Paraugas están presentes profesionais, empresas. Para nós é unha forma de facernos visibles como estudio e facelo diante de profesionais cos que habitualmente tamén podemos colaborar. Para nós son tan importantes ou máis que outros de carácter nacional ou internacional, pero que despois a repercusión que teñen tampouco é tan importante.

Artículo anterior

'No tragues con todo', una lanza a favor de distinguir la calidad de los licores y aguardientes de Galicia

Siguiente artículo

BioCultura aterriza en ExpoCoruña