Carme Pampín
Presidenta de Bioga
“Os eventos presenciais son moi importantes para establecer contactos por primeira vez”
CARLOS B. TORRADO
A biotecnoloxía galega vive unha época dourada. Un gran exemplo disto é Galicia Biodays, o foro que consolidou Galicia como un área de referencia para a industria biotecnolóxica e das ciencias da vida do Espazo Atlántico Europeo durante este setembro. Falamos con Carme Pampín, presidenta de Bioga, sobre a importancia deste evento e actividades futuras do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia.
Con máis de 700 asistentes de todo o mundo, Galicia Biodays cumpriu coas expectativas? Como era a primeira edición, era difícil valorar a acollida que iamos ter, pero as expectativas superáronse non só en números, tamén pola calidade do contido e o aproveitamento que fixeron os participantes. Neste sentido creo que a valoración é moi positiva.
Que supón a celebración deste congreso para o sector biotech galego? O congreso puxo de relevancia a importancia que ten este sector en Galicia e o papel que está chamado a desenvolver. Galicia Biodays foi tamén unha forma de poñer a todos os axentes en contacto, tocando diversas áreas, dende investimento ou talento ata temáticas máis científicas e técnicas. Este foro ofreceu un punto de encontro para empresas, grupos de investigación e estudantes, para que poidan ver que tipos de saídas profesionais ten o sector e o que se está a facer en Galicia. Creo que o sector da biotecnoloxía e das ciencias da vida é aínda un pouco descoñecido para a sociedade e mesmo para a industria galega e tentamos mudar iso.
Os eventos presenciais teñen unha maior capacidade de xerar sinerxías entre os axentes do sector? Sen dúbida, hai unha diferencia clarísima cos encontros online. No congreso é algo que comentamos todos: as ganas de volver a ter eventos presenciais e o partido que se lle saca. Agora estamos un pouco saturados do online, a pesar de que as ferramentas online son moi útiles, pero para determinadas cousas non substitúen ó presencial. O ideal é convivir coas dúas opcións, pero o presencial é moi importante á hora de establecer contactos por primeira vez.
É a primeira vez que A Coruña acolle un evento desta envergadura dentro do sector da biotecnoloxía. Por que se elixiu esta cidade? A nosa idea é intentar facer eventos en todas as cidades, aínda que é certo que ás veces centralízase todo un pouco en Santiago. Tamén temos feito eventos en Lugo ou no Porriño. No caso de Coruña buscabamos unha cidade con un espazo amplo e cómodo, para facer un evento con varios ‘microeventos’ en paralelo. Neste caso, como viña tanta xente de fóra, tamén buscabamos unha cidade con aeroporto e boas conexións. Ademais, na Coruña tamén contamos cunha importante representación dos socios de Bioga; centros de investigacións relevantes, como o CICA; un bo número de start-ups, a presenza de Hijos de Rivera, que forman parte da vicepresidencia de Bioga… Ademais das instalacións adecuadas, queríamos lanzar esa mensaxe de que o noso sector existe e que está na propia cidade. Tamén engadir, aínda que iso non se pode controlar, o tempo fantástico que tivemos nunha localización preciosa, ao lado do porto.
Como valoras a colaboración con empresas do sector da comunicación para dar a coñecer o traballo do Clúster? É o noso reto. Dende Bioga imos paso a paso. O primeiro obxectivo que tiñamos era que a Administración soubera que existimos e que somos un montón de empresas que somos usuarios, provedores ou consumidores de biotecnoloxía. Creo que iso conseguímolo, e como proba temos a estratexia de impulso á biotecnoloxía, que evolucionou a unha estratexia de consolidación coa Xunta de Galicia, que nos considera un sector estratéxico. O segundo obxectivo era darnos a coñecer entre os propios axentes do sector, que saiban que non están sós, que podemos colaborar. Niso estamos traballando, en establecer e buscar consorcios colaborativos entre empresas de dentro da rexión. Quédanos seguir traballando en chegar á sociedade, e iso é unha carreira de fondo. Unha das ferramentas que temos son as empresas de comunicación, e é algo no que estamos traballando cada día máis, resulta fundamental. O que facemos dende as empresas biotecnolóxicas non sempre é sinxelo de explicar e ás veces non somos os mellores comunicadores, e o rigor na información é un punto crucial neste sector.
Tras a celebración de Galicia Biodays co IX BioInvestor Day e o BioTalent Day, cal será o próximo gran proxecto de Bioga? Agora mesmo estamos facendo balance e temos claro que estas dúas accións que mencionas son moi importantes. Do BioInvestor pouco podo engadir, o feito de que sexa a novena edición xa mostra a importancia que ten a financiación neste sector. Este ano arrincamos co BioTalent e xa é un dos piares fundamentais para que o sector evolucione: que haxa talento. O BioTalent naceu dunha demanda das empresas e socios que están a buscar talento e non sempre conseguen atopalo, e viceversa. Estas dúas accións non se limitan só ao evento, e seguiremos traballando nelas porque é o que nos piden as empresas e o que necesita o sector.