Carlos Álvarez
Socio director de Desoños
“Agardamos que AR\DE se converta nun arquivo para a consulta e o estudo das pezas e profesionais da historia do deseño en Galicia”
MARCOS NEBREDA
O Paraugas ao Mellor Deseño Dixital 2023 recaeu en AR\DE Arquivo do Deseño Galego, un proxecto moi ambicioso que pretende ser unha completa base de datos da historia do deseño en Galicia. Detrás está o estudio Desoños; Carlos Álvarez cóntanos como foi o proceso de creación.
Que supón recibir este galardón? Sempre é un pracer recibir un Premio Paraugas, mais neste caso é especial. En primeiro lugar, porque deseñar a marca e a plataforma web do Arquivo do Deseño Galego é unha honra para calquera estudio de deseño do noso país; pero tamén, porque AR\DE é un proxecto da DAG (Asociación Galega de Deseño), con quen nos une un vínculo moi especial, no que ademais traballaron colegas de profesión que admiramos: Ana Boquete, María Agra, María Ramos e Óscar Otero. Non podía saír mal (🙂).
Que recursos e materiais se poden atopar en AR\DE? Actualmente a plataforma é unha base de datos que recolle unha listaxe de referencias, organizada en catro grandes grupos, que nos permiten achegarnos ao patrimonio histórico do noso deseño. Nun futuro, agardo que próximo, converterase nun arquivo para a consulta e o estudo das pezas e dos profesionais que conforman a historia do deseño en Galicia. Para dar este paso precísase financiamento institucional, xa que a DAG, que financiou enteiramente esta primeira fase do desenvolvemento, non conta con recursos económicos suficientes para abordar un proxecto de tal envergadura. Un proxecto de interese xeral como este debe contar co apoio do goberno galego, e agardamos que así sexa.
Como foi a construción deste proxecto e que supón para o deseño galego? Para o equipo de traballo da DAG supuxo un grande esforzo de recompilación e organización dunha información que se atopaba moi espallada. Algo moi positivo deste proxecto foi que ambos os dous equipos intervimos en todas as fases do desenvolvemento, enriquecendo o resultado de xeito notable. Esta debería ser a maneira de afrontar sempre os encargos de deseño, desde o inicio do proxecto e en contacto directo coas persoas que toman as decisións. Esa é a maneira na que o deseño pode despregar todo o seu potencial. En resposta á importancia do proxecto, pois xa te podes imaxinar, é dunha relevancia enorme para o mundo do deseño e para Galicia. Como profesionais do deseño é de moita utilidade para o coñecemento e estudo da nosa profesión e, por suposto, para a divulgación da mesma a toda a poboación. Coñecer a historia do deseño galego é imprescindible para calquera profesional do deseño —pois sen ela, sen esa memoria non temos ningún futuro—. Supón, ademais, unha contribución importante ao conxunto da cultura galega.
Que valores vos guían en Desoños e cales son os próximos retos? Logo de vinte e tantos anos de traxectoria os nosos valores seguen sendo os mesmos, traballar con honestidade, sempre cun alto grao de compromiso cos proxectos que realizamos e con profesionalidade, amosando o máximo respecto por esta profesión e polas persoas que nos contratan. Ben sexa en proxectos de marca, de produto dixital ou calquera outro, o noso obxectivo é dar a resposta adecuada ás necesidades que se nos presentan, niso consiste a profesión de deseñar. Non temos grandes metas marcadas, somos máis de facer o camiño camiñando, tratando de mellorar o proxecto anterior. En tanto, contamos na actualidade cun equipo en moi boa sintonía, moi equilibrado en experiencia e mocidade, que nos permite acometer os proxectos con moitas garantías. Manter a ilusión por esta profesión e contribuír a dignificala.
E como valoras esta edición dos Paraugas? Ben, a nova localización no teatro Jofre supuxo un salto cualitativo respecto de anteriores edicións. Vexo, ademais, moi positiva a idea dun evento itinerante que permita achegar os premios ás distintas cidades e vilas galegas, isto axudará ao coñecemento dos premios, do propio Clúster e das nosas profesións.