Carballo Interplay 2026 reforza a creación dixital en galego cunha programación de 32 actividades

O festival, impulsado pola Xunta, celebrarase do 16 ao 19 de abril e reunirá en Carballo a algunhas das voces máis destacadas do ecosistema dixital


REDACCIÓN


O Carballo Interplay celebrará do 16 ao 19 de abril a súa 13ª edición no Mercado de Carballo cunha programación de 32 actividades centradas na creación dixital, o audiovisual e a cultura de internet.

Organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo, con produción e dirección de Cósmica, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través de AGADIC, e da Deputación da Coruña. O evento consolida así a súa posición como cita de referencia para analizar e experimentar as novas linguaxes dixitais desde unha perspectiva creativa e crítica.

A presentación tivo lugar no Museo de Bergantiños coa participación das directoras Sonia Méndez e Andrea Villa; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o alcalde Daniel Pérez López; e o vicepresidente da Deputación da Coruña e concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo, Xosé Regueira.

Aposta polo galego e a mocidade

Un dos eixos centrais desta edición é o reforzo do galego como lingua estrutural na creación dixital. O festival impulsa contidos, formación e premios específicos para fomentar o uso do idioma nas redes sociais e en proxectos audiovisuais.

Neste contexto, a xornada do xoves 16 estará dedicada á creación en galego en internet e contará coa participación de máis de 350 estudantes de secundaria. O programa inclúe a charla Sobrevivir en galego nas redes sociais, o obradoiro Radicalmente online – Activismo en redes sociais e a presentación da revista Clara Corbelhe.

Un dos eixos centrais desta edición é o reforzo do galego como lingua estrutural na creación dixital

Os certames de creación dixital en galego volverán ser protagonistas, cun premio de 3.000 euros para o mellor proxecto e dous galardóns de 600 euros para mellor canle e mellor creadora ou creador, que este ano acadaron un récord de 35 propostas.

Series internacionais e estreas destacadas

A Sección Oficial reunirá 19 series, 17 delas internacionais procedentes de dez países, reforzando o papel do festival como escaparate de novas narrativas dixitais.

Entre os pratos fortes destacan a preestrea en Galicia de Millennial Mal, de Lorena Iglesias, tras o seu paso polo Festival de Málaga

Entre os pratos fortes destacan a preestrea en Galicia de Millennial Mal, de Lorena Iglesias, tras o seu paso polo Festival de Málaga, e a presentación de Epidemia Invisible, de Román Varela, gañadora do premio á produción de contido dixital en galego na pasada edición. A programación complétase coa proxección infantil da serie PIPO.

Podcasts, shows e novas narrativas

O festival reforza a súa conexión cos formatos nacidos en internet cunha programación de podcasts e espectáculos en directo. Entre eles figuran propostas que chegan por primeira vez a Galicia como Rajando con… Bimboficadas, con Samantha Hudson e María Barrier, e Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas, ademais de Sexo en Nueva York Podcast.

O festival reforza a súa conexión cos formatos nacidos en internet cunha programación de podcasts e espectáculos en directo

A estas súmanse contidos creados especificamente para o festival, como I’ll see you in my dreams. Twin Peaks e Plot Twins. Duplicadas por guion, que evidencian a súa aposta pola innovación.

Pensamento crítico e comunidade dixital

Carballo Interplay mantén a súa identidade como espazo que combina entretemento, reflexión e comunidade, abordando cuestións como a saturación de contidos, os algoritmos ou a precariedade no entorno dixital.

A Zona PRO acollerá encontros sobre intelixencia artificial, novos formatos e o presente do podcast, coa participación de proxectos como Maldita.es ou Trescentostrece. Ademais, o programa incluirá paneis sobre divulgación e a evolución de internet.

Carballo Interplay mantén a súa identidade como espazo que combina entretemento, reflexión e comunidade

O festival reunirá destacadas voces do ecosistema dixital galego, como Lorena Iglesias, Raquel Piñeiro, Marina G. Canedo, Prado Rúa ou Salseoloxía, consolidando Carballo como punto de encontro do talento emerxente.

Peche con premios e música

A entrega de premios celebrarase o domingo 19 de abril, nunha xornada de clausura que incluirá música en directo, co concerto de Pantis e unha sesión vermú de despedida.

Co respaldo da Xunta, que destina 310.000 euros a festivais audiovisuais en 2026, o Carballo Interplay reafirma o seu papel como plataforma de impulso para a creación dixital en galego e como un foro clave para entender o presente e o futuro da cultura en internet.

Artículo anterior

La imagen de España a través de los carteles turísticos del último siglo

Siguiente artículo

O Premio Cociñeiro Galego renóvase e pasa a celebrarse con carácter anual