A campaña lémbralle á cidadanía a importancia de non desperdiciar a auga
REDACCIÓN
Como é habitual nestas datas, Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, lanza unha campaña de comunicación para lembrarlle á cidadanía a importancia de non desperdiciar a auga. A axencia creativa á fronte do proxecto foi Quattro idcp e da parte de medios responsabilizouse BAP&Conde Media.
Baixo o lema “Cada litro conta”, apélase a que os galegos e galegas incorporen pequenas rutinas domésticas que axuden a un consumo responsable deste ben común. Mínimos xestos que, ademais de supoñer un aforro importante, garanten a dispoñibilidade de auga a medio prazo e son vitais para a preservación dos hábitats e ecosistemas fluviais.
Algúns consellos
A campaña lanza unha serie de recomendacións ou consellos para a poboación. Entre eles, destaca a aposta por realizar un uso máis racional dos electrodomésticos no fogar. A lavadora ou o lavalouzas só deben poñerse en funcionamento cando estean cheos. Iso permitirá aproveitar ao máximo a súa capacidade. Tal e como se lembra en “Cada litro conta”, unha lavadora pode gastar ata 90 litros cada vez que se pon en marcha, e un lavalouzas, arredor de 30 litros.
Na cociña é aconsellable utilizar cuncos para lavar os pratos. Quen teña na súa cociña un vertedoiro con dúas cubetas, poder empregar unha para enxaboar e outra para aclarar. Para beber auga fría, non se debe deixar correr a billa; o aconsellable para non malgastar é poñer unha xerra de auga na neveira.
“Cada litro conta” tamén incide na relevancia de desconxelar os alimentos a temperatura ambiente, e nunca baixo a billa. E, ao tempo, insiste en pechar a billa cando non se utilice. Por unha billa aberta corren ata 12 litros de auga por minuto. Así, mentres un se cepilla os dentes, se afeita ou se enxaboa na ducha, debe pecharse a billa. Iso permitirá un aforro de ata dez litros de auga. Cando unha persoa usa a ducha no canto de se bañar, o gasto pódese reducir en 30.000 litros ao ano.
Fugas, baños, atomizadores e plantas
A campaña vai máis aló e tamén pon o foco nas fugas de agua. Cada dez pingas de auga por minuto supoñen 5.000 litros de auga ao ano desperdiciados. Xunto a isto, ponse de manifesto que nos cuartos de baño que non son de dobre descarga, é importante meter dentro da cisterna unha ou varias botellas de plástico cheas. Así, cada vez que se tire da cadea aforraranse entre dous e catro litros.
Por outra banda, o uso de atomizadores aumenta o chorro con menor cantidade de auga. Con estes difusores pódese aproveitar mellor a auga e iso permite reducir o consumo.
Finalmente, a campaña tamén destaca que é aconsellable regar as plantas á noitiña ou ao amencer, cando a temperatura é máis baixa. E, no xardín, débense utilizar sistemas automáticos de rega por aspersión. En época de seca, non se debe utilizar a mangueira. Ademais, pechar levemente a chave de paso de auga á vivenda axuda a que saian menos litros da billa por minuto, reduce o malgasto e a factura. A campaña está presente en prensa dende o 29 de xuño e en radio e redes sociais dende o 3 de xullo.