A cita terá lugar o 31 de marzo en Santiago de Compostela
MARÍA EIMIL
O 31 de marzo é a data na que se celebrará en Santiago de Compostela o evento Beerfing, unha iniciativa que reunirá o talento dos sectores da comunicación, publicidade e tecnoloxía arredor do coñecemento e da experiencia compartida.
‘Volve a creatividade, volve a cervexa, volve o mellor Beerfing a Santiago’ é o lema deste evento que se celebra en formato pitch & beers e que está organizado polo Clúster da Comunicación de Galicia e Creatividade Galega co patrocinio de Estrella Galicia.
A iniciativa está cofinanciada polo Igape e Xacobeo 21-22 e conta co apoio de preto dunha vintena de empresas, entre elas Abanca, Reclam, Cactus Digital ou a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Uvigo, entre outras.
Novas ideas e tendencias
O Centro Obra Social Abanca, ubicado na praza de Cervantes, acollerá un workshop que arrancará as 16:00 horas e no que se abordarán máis de 30 tendencias para “estar ao día” e “re-pensar o futuro” da man de C4E Consultora en Innovación, márketing e comunicación.
‘Volve a creatividade, volve a cervexa, volve o mellor Beerfing a Santiago’ é o lema deste evento
Charlas de diversos formatos
Unha vez rematado o workshop, Beerfing acollerá unha serie de charlas a partir das oito da tarde na sala Riquela, onde os asistentes terán a oportunidade de coñecer a novos talentos e grandes profesionais que se reunirán para compartir a súa visión e know-how. Presentado pola directora de proxectos de Nasas, Fátima Carmena, este espazo contará con dous relatoiros, un deles correrá a cargo de Carlos Álvarez, cofundador de Kindergarten, mentres que o director creativo de Chachachá Studio presentará o caso de éxito ‘Na macrogranxa de Pepito… iah iah no!’.
Para pechar o programa do evento, a socia e directora creativa de Playoffice, Judith Francisco, será a encargada da charla estrela, que tamén se desenvolverá na sala Riquela. Toda a información atópase na páxina web de Beerfing. O acceso será gratuíto para os socios do Clúster e de Creatividade Galega.